A emigración e a acción exterior galega pasa a ser un asunto de Madrid

Continúa o proceso de recentralización comandado polo PP. O consello de ministros aprobou o proxecto de Lei de Acción Exterior, que limita ás autonomías e pode deixar sen tratamento propio a milleiros de galeg@s no exterior. 

Margallo
photo_camera Margallo

A obsesión unionista do actual goberno español mira ao exterior. Decidido a acabar co contacto diferenciado a cada comunidade de emigrantes procedentes das diversas nacións do Estado, o executivo que preside Mariano Rajoy aprobou o venres en Consello de Ministros o proxecto da chamada Lei de Acción Exterior, que tamén suporá un obstáculo para a acción exterior a nivel económico ou industrial de Galiza, xa que sempre estará supeditada á decisión e e os intereses centralistas, sen poder acceder a ningún tipo de diplomacia propia. 

"Malia contar coa máis numerosa comunidade emigrante de todo o estado e tamén intereses comerciais, a última palabra sobre a súa acción exterior recaerá nun ministro madrileño"

A limitación de competencias ás autonomías dá así un novo paso que afecta especialmente a Galiza, dada a súa numerosa presenza no exterior a todos os niveis. Malia contar coa máis numerosa comunidade emigrante de todo o estado e tamén intereses comerciais, a última palabra sobre a súa acción exterior recaerá nun ministro madrileño como o de Exteriores, José Manuel García Margallo. En rolda de prensa, este usou o “aforro” como argumento para unha lei que “trata de ter unha orquestra e non un conxunto de solistas desafinados”, frase que deixa ben claro a súa opinión sobre un estado descentralizado. “Haberá facetas nas que se utilizará outra marca que non sexa a de España, como por exemplo a de Costa Blanca para promocionar Benidorm, pero noutros asuntos se non se opera coa marca España non se é nada”, engadiu Margallo, nunha nova oda á uniformidade que rematou explicando que “non é este un proxecto do Goberno, nin sequera do Estado, senón un proxecto de nación”. 

Galiza -ao igual que por exemplo Cataluña polos seus intereses empresariais- vese especialmente afectada por esta nova norma que limita a súa proxección internacional, se ben desde a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta a acción exterior teríase convertido, segundo denunciou a oposición, nun “aparato de clientelismo”, ademais de desprendemento de valores propios, como pode ser o caso da venta de estaleiros a Pemex. O goberno galego pechou delegacións e devolveu aos máis controlábeis Centros Galegos as funcións de representación institucional. Agora eses centros serán directamente cousa de Madrid e até poderían ser integrados nas embaixadas españolas. Algo así como quedar sen nada. 

Comentarios