A dignidade cidadá contra os desafiuzamentos, en destaque no número 36 de Sermos Galiza

A dignidade cidadá que por dúas veces foi quen de adiar o despexo de Aurelia esta semana é o tema que abre a capa do número 36 de Sermos Galiza, xa no prelo e esta sexta feira nos quiosques do país.


Partillan o espazo da capa a imaxe da portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, na súa estrea como tal no debate de política xeral, e o avanzo da reportaxe a dupla páxina que publicamos neste número sobre a situación do sector naval, infelizmente no dique seco. A capa complétase cun adianto do novo traballo de investigación que asina Rodri Suárez.

Xa no interior do semanario, dedicamos un amplo tratamento informativo á tentativa de desafiuzamento -adubiada con malleiras policiais- da anciá coruñesa Aurelia Rey, alén de analisarmos polo miúdo o debate de política xeral, emprestando especial atención ao confronto entre Davila e Rajoy.

A polémica arredor das revelacións do autor confeso do roubo do Códice Calixtin tamén ten o seu espazo nesta nova entrega do Sermos Galiza en papel, que asemade se debruza sobre o incumprimento do pacto asinado por Feijóo cos sindicatos agrarios UU AA, NN XX e SLG.

Nas páxinas de Cultura, incluímos unha reportaxe de Josep Pastells sobre o boom editorial que se está a viver en Catalunya coa eventual independencia do país como argumento e unha entrevista con Francisco Rodríguez -político, ensaista, doutor de Filoloxía Románica- nas vésperas do 150 aniversario de Cantares Gallegos.

A enorme potencialidade que encerra a lusofonía para o noso país é o tema ao que dedicamos o AFONDO desta semana, coordenado por Néstor Rego.

E non podemos esquecer o estado das pesquisas arredor do paradoiro do crânio de Castelao, desaparecido misteriosamente hai apenas unha semana. Delas dános conta Carlos Quiroga, no imperdíbel segundo capítulo do folletín colectivo redixido en galego-português e que Sermos Galiza publica conxuntamente coa revista literaria brasileira Rascunho e co Jornal de Letras, Artes e Ideias de Portugal.

Comentarios