A defensa de 'Senlheiro' recorrerá o auto de prisión

Despois de media hora de declaración o xuíz da Audiencia Nacional decretou prisión incondicional contra H.M. “Senlheiro”. O mozo detido en Ames declárase inocente. A defensa pensa recorrer e estuda a presentación dunha denuncia por malos tratos e torturas.

Senlheiro Liberdade

O xuíz da Audiencia Nacional Fernando Andreu xa tomou declaración a H.M. “Senlheiro”, o mozo independentista detido en Ames hai uns días por pertenza a Resistência Galega. Diante do maxistrado declarouse inocente dos delitos que se lle imputan e non recoñece pertenza a organización criminal ou política algunha, tal e como figura no auto que recolle, segundo fontes da defensa, "só as achegas da policía española".

O seu avogado confirma que "Senlheiro" afirmou na súa declaración que estaba a pasear polos arredores da súa casa cando foi sorprendido pola policía que estaba agachada no lugar. Asegurou diante do xuíz que non viu nin tivo no seu poder os artefactos que achega a policia española. Rematada a súa declaración o xuíz acusouno de “pertenza a organización criminal e depósito e tenencia de explosivos” polo que decretou a súa prisión incondicional a partir dese momento. 

Tamén segundo comentaron fontes da defensa nesta instrución provisoria "aínda falta que se practiquen outras probas e as que hai aínda non foron analizadas". Por este motivo pensan recorrer o auto de prisión porque aseguran que existe “falta de probas” e ademais estudan presentar unha denuncia por malos tratos e torturas.

Comentarios