A defensa de Júlio Saiáns considera que "os indicios contra el son moi febles" e pedirá o arquivo da causa

O xuíz da Audiencia Nacional española vén de imputar o independentista ao responsabilizalo do financiamento da organización Resistencia Galega. Detido en Ferrol en outubro e en liberdade desde decembro, atribúenlle a autoría dunha carta "sen realizar ningunha comprobación caligráfica"
photo_camera [Imaxe: facebook do colectivo de apoio a Júlio Saiáns]


A defensa do veciño de Ferrol Julio Saiáns solicitará que a Audiencia Nacional arquive a causa aberta contra el ao considerar que "os indicios que existen son moi febles". 

Segundo informou o avogado Borxa Colmenero en conversa con este xornal, a carta manuscrita de cuxa autoría se responsabiliza a Saiáns "foille atribuída sen comprobación caligráfica e interpretada no sentido de que nela se dá conta dun financiamento irregular" que, segundo di, non foi probado.

Malia non ter aínda o auto de procesamento que xa filtrou a imprensa, Colmenero subliñou que non existe novidade algunha a respecto da situación do independentista malia a súa imputación como "tesoureiro e máximo responsábel das finanzas de Resistencia Galega", segundo informou a axencia de noticias Europa Press.

"O que existe contra el son indicios, non probas, e fican suxeitos aínda ao principio de contradición", apuntou Colmenero, que conta con recibir o auto ditado polo xuíz Eloy Velasco esta quinta feira. Adiantou, así mesmo, que Velasco, maxistrado titular do xulgado de instrución nº6 da Audiencia Nacional española, encamiña as investigacións vinculadas ao independentismo galego "na liña de demostrar a existencia de Resistencia Galega".

Detido a noite do 29 de outubro na vivenda que partillaba coa súa compañeira, S.C., e a súa crianza de oito meses, tamén sometidas á lei antiterrorista, Julio Saiáns quedou en liberdade o 11 de decembro. Cumpriu un mes e unha semana de prisión preventiva, dispersado ao centro penitenciario de Soto del Real. O xuíz impúxolle unha fianza de 6 mil euros como condición para a posta en liberdade.

Comentarios