A declaración da Xunta polo 1 de Maio trata as persoas desempregadas como "indicadores negativos"

O pobo galego, que non comulga con rodas de muíño, tivo moi presente ao presidente nas súas proclamas: desde que 'O amigo do Marcial afunde o naval' que se ouviu en Ferrol até o 'Queremos terra, queremos traballo, queremos o Feijóo pendurado dun carballo' entoado en Compostela


A mesma Xunta de Galiza que en 2009 se constituíu baixo a promesa do seu líder, Alberto Núñez Feijóo, de acabar co desemprego en 45 días, aproveitou este Primeiro de Maio para emitir unha declaración institucional cargada de eufemismos. As case 300 mil persoas que non teñen traballo remunerado son para o Goberno galego "indicadores negativos" que hai que superar "traballando arreo para xerar benestar social". 

Di a declaración que a Xunta "quere manifestar o seu compromiso cos dereitos das persoas traballadoras" e, coma se non fose con el@s, acrecentan que "nesta data emblemática" cómpre reivindicarmos que "as políticas e accións que se poñan en marcha polos poderes públicos sexan eficaces". Falemos da última acción que puxo en marcha a Administración-Feijóo para defender os dereitos do pobo traballador, neste caso do naval: foi a México, abrir a porta do capital estranxeiro para que entrase até a cociña do estaleiro vigués de Barreras; foi vender máis unha empresa galega que vén sumarse a todas aquelas que deixou en mans alleas, como Pescanova, como o Banco Pastor, como as caixas. 

Ao seu ver, a "senda" por onde están a dirixir as súas medidas é a de "no primeiro lugar a aqueles colectivos que máis o necesitan" e citan aquí @s desempregad@s de longa duración (moitas das cales non cobran ningún tipo de prestación); as mulleres que sofren desigualdades no eido laboral (ás mesmas ás que a Xunta homenaxea no 8 de Marzo coa conselleira de Traballo vestida de home de negocios e o conselleiro de Industria disfrazado de traballadora do fogar); ou a mocidade, "á que o mercado laboral non lle ofrece oportunidades" e pola cal pula o Goberno galego acatando a contrarreforma laboral do PP español en que se algo se protexe é á patronal e a contratación precaria.

Comentarios