A decisión sobre o futuro de ENCE pasa a Madrid

O PP aproba en solitario a nova lei de costas e poderá conceder prórrogas ás industrias como ENCE situadas no litoral
Factoría de ENCE na Ría de Pontevedra
photo_camera Factoría de ENCE na Ría de Pontevedra

A maioría absoluta do PP mudou a Lei de Costas vixente desde 1988. Os conservadores ficaron sós ao votar esta mudanza lexislativa, na Comisión de Medio Ambiente do Congreso. O máximo que conseguiron foi neutralizar a CiU, que se abstivo.

Coa nova lei na man, o Goberno español poderá, entre outras novidades, conceder prórrogas ás industrias situadas no espazo costeiro que teñan un "interese xeral" na súa zona. Trataríase daquelas que traballan aspectos extractivos, químicos, enerxéticos ou mesmo as papeleiras, como é o caso da de ENCE, situada na Ría de Pontevedra.

Antes do seu debate, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) xa rexeitara o anteproxecto sinalando que con esta modifición a situación das costas ficarían menos protexidas e máis ocupadas e urbanizadas que coa Lei 22/1988. En declaracións a Sermos Galiza, o seu presidente, Antón Masa, recalca que para a asociación "esta lei supón unha volta atrás" no que respecta á protección do litoral e pide ao goberno galego "que manteña a súa promesa de non considerar ENCE como unha actividade de interese xeral". Segundo o presidente da APDR "a aplicación dunha prórroga daría ao traste coa recuperación da ría e impediria o desenvolvemento económico sustentábel da mesma".

APDR: "a aplicación dunha prórroga daría ao traste coa recuperación da ría e impediria o desenvolvemento económico sustentábel da mesma"

A mesma liña mantén César Mosquera, concelleiro do BNG en Pontevedra, quen asegurou a este medio que coa modificación da lei de 1988 "retrocedemos cen anos, cando a costa non tiña ningún valor". A reformulación normativa, segundo Mosquera, facilitará a ENCE "para que continúe coa súa actividade na ría".

Unha porta á corrupción

O concelleiro nacionalista, após estudar a nova lei, explica que pode abrir as portas á corrupción. "Se unha empresa como ENCE, privatizada e mercada coa data de 2018 como a do seu traslado, que logo aforre millóns nel por unha decisión política... é unha invitación a que as grandes empresas que moven millóns movan os fios para continuar".

Comentarios