A colección de arte de Caixa Galicia podería acabar fóra do país de ser adquirida por un fondo de investimento

Unha das principais coleccións de arte galega pode acabar en fondos de investimentos nun despacho de Chicago. Obras de Castelao, Seoane, Maruxa Mallo, Laxeiro ou Leiro poderían ser vendidas con Novagalicia Banco, de quen pasaron a depender. A Xunta non habilitou ningunha protección para que un patrimonio de incalculábel valor permaneza en Galiza. 

Fundación Caixa Galicia
photo_camera Fundación Caixa Galicia

Case doce horas durou a sesión do mércores da comisión que investiga a xestión das Caixas e, durante a longa xornada, quedou á vista que o destino da colección de arte de Caixa Galicia continúa a ser incerto, sen que se teñan tomado medidas para protexer o futuro dun patrimonio que pertence á comunidade galega. 

Se ben a obra artística de Caixanova fora adquirida a través da Fundación, a de Caixa Galicia é propiedade da entidade financeira co cal, despois da bancarización, queda en mans de Novagalicia Banco e o seu destino depende da decisión que o FROB sobre a súa venda. 

Os fondos artísticos de Caixa Galicia están compostos por unha das máis importantes coleccións de obra galega, con pezas de importante valor de Castelao, Laxeiro, Maruja Mallo, Colmeiro, Leopoldo Nóvoa, Tino Grandío, Luis Seoane, Lamazares ou Leiro ademais de unha relevante mostra de arte contemporánea internacional que vai de Picasso, a  José P. Croft, Sean Scully, Manolo Millares ou Manolo Valdés. Arredor de 1500 obras de 170 artistas para os que a entidade destinara o edificio inaugurado en 2006 na Coruña no que, canda os nomes que pasaron xa á historia da arte se foron engadindo unha selección da nova creación galega. 

Protexer como BIC

O director xerente da Obra Social de Novacaixagalicia recoñeceu de novo no Parlamento que despois da fusión das caixas, só a colección de arte de Caixanova entrou a depender da entidade, quedando a de Caixa Galicia supeditada ao destino de Novagalicia Banco, a súa propietaria formal. “Córrese o risco de que si o banco se vende iso desapareza” sinalou Pedro Otero. O peor dos horizontes debuxaríase no caso de que un fondo de inversión adquira o capital da entidade financeira e podan atopar na colección de arte un ámbito para a especulación co fin de conseguir importantes fondos. 

No debate parlamentar agromaron diversas fórmulas co fin de que se garanta a permanencia da colección de arte en territorio galego e o que fora director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias, alertou do prexuízo que para o país tería prescindir da colección de arte da entidade. Co fin de impedilo puxo sobre a mesa a posibilidade de declarar a colección como Ben de Interese Cultural, e, polo tanto, cun nivel de protección que impediría a súa fuga fóra do país.

Comentarios