A CIG denuncia que a represión pretende "afogar" a resposta social

A represión non fará que a CIG mude a súa acción sindical, máis precisa que nunca. Esta foi unha das mensaxes que o secretario xeral do sindicato nacionalista, Xesús Seixo incluiu no discurso final da manifestación que hoxe día 14 percorreu as rúas de Pontevedra reivindicando a liberdade sindical e denunciando os recortes nos dereitos sociais. A forte chuva non impediu o desenvolvemento da protesta.

 
Manifestación en Pontevedra
photo_camera Manifestación en Pontevedra

Desde a Praza da Ferrería até a Subdelegación do Goberno, na Alameda de Pontevedra, transcorreu unha manifestación que ía rematar asulagada por un torrencial de auga. Mesmo así, o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, dirixiuse aos centos de manifestantes que aguantaban aínda a forte chuva para facelos partícipes de que a acción sindical da CIG é agora máis necesaria que nunca e, por iso, a vaga de represión das liberdades executada desde os gobernos do PP non van conseguir que mude o seu camiño de reivindicación dos dereitos laborais e sociais.

Encadrou Seixo a manifestación na campaña encetada polo sindicato coa folga de fame contra a represión sindical que tivo lugar tamén na cidade de Pontevedra e sinalou a necesidade, mália a absolución dos sindicalistas, de dar continuidade á denuncia.

Ao seu ver, a campaña de criminalización do sindicalismo non é gratuita senón que responde a unha estratexia que quere afogar a resposta social das políticas de recortes máis duras que se lembran. A represión buscaría, segundo sinalou, impedir que a poboación reaxa diante destas medidas e aproveitar os recortes nos propios beneficios.

Contra as taxas xudiciais

Referiuse tamén Seixo á imposición das taxas que botan abaixo a gratuidade da xustiza e aos recortes continuados nas liberdades e dereitos e situou a represión sindical no marco desta ofensiva global encabezada polos gobernos do PP. Segundo sinalou, nunha intervención máis reducida do previsto por mor da forte chuva que caía en Pontevedra, ás capas sociais máis desfavorecidas estáselle a furtar o acceso ao sistema de xustiza da mesma maneira que a nova reforma da lei educativa está a impoñer a restricción dun dereito básico que é o coñecemento da propia lingua.

Na manifestación podíanse ver pancartas cos lemas “Contra a represión sindical. Non á reforma do Código Penal”, “Traballar é un dereito, non un privilexio” ou “Contra a represión, solidariedade e loita”.

Comentarios