A CIG advoga por saír do euro

A CIG aposta en saír do euro. É a "vía máis acaída" para rachar coa "especulación da débeda". Así o defende a central nacionalista nos textos a debate no seu VI Congreso, que se vai realizar esta fin de semana en Santiago e que vai reelexir como secretario xeral a Xesús Seixo, ao fronte dunha candidatura de consenso.

Imaxe V Congreso CIG

As e os congresistas da CIG son soberanos e teñen a última palabra, mas todo indica que a central nacionalista aprobará esta fin de semana un relatorio en que se defende explicitamente o abandono do euro.

No texto a debate afírmase literalmente que "a recuperación das competencias na política monetaria por parte dos estados da Eurozona e a independencia respecto do Banco Central Europeu coa conseguinte saída do euro" se constitúe como "a vía máis acaída para rachar coa especulación da débeda", fenómeno que está a agravar a recesión económica no conxunto da UE.

O BCE non está a cumprir o papel que debería, financiar os Estados e non a banca, pola "falta de vontade e interese por parte de quen manda na UE", xulga a central nacionalista.

Para a CIG, a chave para superar a dependencia de Galiza, non só do Estado, senón tamén da UE, pasa pola conquista da soberanía

A CIG completa a súa análise crítica da UE co argumento de que a integración na Unión tivo "nefastas consecuencias para Galiza e os nosos sectores produtivos estratéxicos e básicos".

A chave para superar a dependencia de Galiza, non só do Estado, senón tamén da UE, pasa pola conquista da soberanía, estima o relatorio oficial da CIG.

"O exercicio da soberanía política non é só un dereito democrático colectivo indiscutíbel, senón que é a condición necesaria para desenvolver o país en función das necesidades e dos intereses das clases traballadoras e para mellorar a calidade de vida fronte ás políticas neoliberais que están ao servizo das clases dominantes dos estados centrais e do capital transnacional", defende a central nacionalista.

 

 

Comentarios