A casa de Parada do Courel conmemora o aniversario de Uxío Novoneyra

Cada ano a Fundación Uxío Novoneyra reúnese na casa de Parada do Courel no día do aniversario do poeta. Desta volta, o sábado día 19 abre as portas da casa cun programa especial co que inauguran un ano que promete intenso.

A casa de Parada do Courel evoca a Uxío Novoneyra por toda parte. Os herdeiros, a familia que está tan presente na Fundación, foi respectuosa ao extremo para conservar aquel espazo que o poeta tanto quería. A súa biblioteca, as obras artísticas dos amigos, as súas máquinas de escribir mais tamén os obxectos e materiais dunha casa de labranza resisten o paso do tempo co agarimo de quen coida tamén da memoria do poeta. A casa está aberta e recibe a cotío visitas de persoas que se achegan á obra de Uxío Novoneyra mais este fin de semana un programa especial convocará na que é sede da Fundación a conmemorar de maneira colectiva o aniversario do poeta, que este sábado cumpriría 83 anos, e o inicio dun ano de actividades no que se agardan varias sorpresas.

Por volta das 19 horas do sábado día 19 , a compañía Fantoches Baj porá en escena a súa obra “O Asombro”, teatro de obxectos baseado en textos e Uxío Novoneyra. A seguir, ás 22.30 horas, no pub Hydra, proxectarase o documental de Iván Gimeno “Uxío Novoneyra/Poeta Além”, unha produción que é finalista nos premios Mestre Mateo.

Quen se achegue ao Courel o sábado atopará novidades na casa do poeta. Se o tempo non é en exceso duro, mesmo poderá participar na inauguración da nova horta, un espazo reformado mais que conserva as especies arbóreas que o propio Novoneyra plantou. Terá tamén á beira os distintos roteiros indicados coa toponimia que o poeta recolleu nos seus versos e unha paisaxe que o autor de Do Courel a Compostela literaturalizou.

“A Fundación ten sempre as súas portas abertas mais nesta ocasión o convite é especial e agardamos que sexa o inicio dun ano provei

toso en acción cultural. A casa está musealizada pero tamén viva é o seu valor” explica Uxío Novo, voceiro da Fundación e fillo do poeta. A grande casa de Parada conserva intactos os materiais, as paredes, o chan ou as vigas centenarias son as mesmas que habitou o poeta. As cadras da casa labrega terán novos usos

 para a Fundación pero evocarán os seus usos primitivos.

Antoloxía de poesía labrega

Unha relevante novidade deste ano será a publicación dun traballo inédito que Novoneyra deixou preparado. Trátase dunha “Antoloxía luguesa da poesía labrega” que sairá publicada ao coidado de Xosé Lois García, con quen o poeta do Courel se comunicaba para preparar a selección. Cheg

ará canda el, canda os versos “labregos” que el mesmo escribiu da súa relación co traballo no campo da casa de Parada do Courel.

A Fundación prepara máis iniciativas, no seu obxectivo de promover a figura do escritor máis tamén no ámbito da súa dedicación á dinamización poética e cultural. Un audiolibro coa obra “O Asombro” de Fantoches Baj está tamén nun horizonte no que seguirá apoiando iniciativas como o programa de poesía ao vivo “Picaversos” que conta este ano saír de Santiago e desenvolverse noutras cidades galegas.

Mais tamén o Courel. A casa ábrese cada fin de semana e ten na terra do poeta un dos seus principais obxectivos. “Neste momento a Fundación é o único centro cultural aberto comarca e queremos que cumpra o papel de dinamización, atendendo tamén á vontade de Uxío Novoneyra e á cultura do Courel” sinala Uxío Novo que se gaba desa forma da casa estar unida á terra de maneira que ás veces é a propia veciñanza a que fai de guía polos distintos espazos que lembran o poeta.

O Asombro from Fantoches Baj on Vimeo.

Comentarios