A campaña do Día das Letras da Xunta, en todos os medios agás os que están en galego

A  Xunta marxina na súa campaña institucional para o Día das Letras Galegas aos medios que empregan o galego todos os días do ano. 

Os anuncios da campaña “festa das nosas letras” da Xunta para este 17 de maio pódese atopar en xornais, radios e sitios web mais non nos que empregan o galego como língua habitual todos os días do ano. 

A Secretaría Xeral de Medios de Comunicación da Xunta deixou fóra aos medios en galego da súa campaña institucional do Día das Letras Galegas, argumentando que foi unha empresa de publicidade externa a encargada de xestionar o espazo nos medios, o que se fixo, segundo alegaron, seguindo o contrato realizado no pasado ano, contra o que estipula a Lei de Normalización Lingüística que contempla a obriga do goberno galego de apoiar aos medios de comunicación “que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo”. 

"Os medios de comunicación en galego tamén queremos ter cabida nese monumento colectivo" manifestan medios como Radiofusión, Galicia Confidencial, Praza Pública, Que pasa na costa, Compás da costa, Terra cha.xa, Crónica 3, Sermos Galiza, Novas da Galiza e Certo.gl, entre outros. "Roberto Vidal Bolaño, sen ningunha dúbida sorprenderíase da decisión de marxinar aos medios de comunicación en galego, pero esa sorpresa exténdese tamén a calquera cidadán ante a "opacidade" que preside os criterios de reparto da publicidade institucional, pagada cos cartos de todos os galegos e galegas, dos que votaron ao partido no goberno, os que votaron á oposición e incluso dos que se abstiveron", denuncian os medios que empregan o galego na súa totalidade e todos os días do ano. 

Comentarios