O prezo de falar ben da austeridade: Xunta dá 2.300.000 en subvencións a medios de comunicación

A convocatoria da Secretaría Xeral de Medios de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, para medios de comunicación para o ano 2013 ascende a 1.550.000 euros. Cifra á que hai que engadir os convenios coa prensa noutras consellarías, en concreto a de Medio rural e Mar, que ascende a 739.000 euros

Rotativa dun xornal

A CIG-Administración denuncia que a Xunta de Galiza segue a manter aberta a billa para dar enxurradas de cartos a medios de comunicación mentres fai recortes a 'mansalva' en servizos públicos coa desculpa da austeridade. “Iso por non falar de que o que se está facendo é fomentar o status quo do actual escenario informativo, no que os grandes grupos volverán a arrasar levándose cartos das arcas públicas; algún dos cales é xa de sobra coñecido pola súa teima nos ataques á dignidade do colectivo das traballadoras e traballadores públicos e a súa desaforada defensa das políticas da Xunta de Galiza”.

"Máis cartos, máis publicidade. Os grandes grupos mediáticos volven arrasar levando os cartos das arcas públicas"

A central apunta en que en moitas ocasións estes cartos xustifícanse para desenvolver campañas informativas cando “teñen pouco de informativas e moito de botar flores sobre as políticas desenvoltas. Iso por non falar dos convenios de colaboración nos que os medios cos que se realizan reciben máis cartos a cambio de máis publicidade”.

Falsa austeridade

“Resúlta incomprensíbel que se recorte en servizos públicos esenciais e nos seus propios dereitos para manter outros gastos superflúos como a subvención ou os convenios cos medios privados”, indican desde a CIG.

A isto engaden que sería “un acto saudábel na liberdade de prensa e na contribución a facer do xornalismo non noso país unha ferramenta para a información obxectiva e veraz, non sometida a presióńs políticas que compran portadas cos cartos (e os recortes) de todas e todos”.

No DOG do 22/05/2013 publícase a convocatoria da Secretaría Xeral de Medios de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e medios de radiodifusión radicadas en Galiza para o ano 2013. Desta volta o financiamento total ascende a 1.550.000 euros. A estas, hai que engadir convenios coa prensa noutras consellarías, en concreto a de Medio rural e Mar, que ascende a 739.000 €.

Comentarios