A auditora que avalou as preferentes recibiu da Xunta de Feijóo máis de 1 millón de euros

A auditora que avalou as preferentes de Caixa Galicia, PriceWaterhouse Coopers, recibiu da Xunta de Feijóo, en conceito de distintos contratos, máis de 1 millón de euros. Na cúpula de PriceWaterhouse Coopers estivo, até se incorporar ao Goberno Rajoy, o ministro de Economía, Luis de Guindos.
Luís de Guindos
photo_camera Luís de Guindos

A Xunta de Feijóo ten outorgado máis de 1 millón de euros a PriceWaterhouse Coopers por distintos contratos, entre eles un por un importe de 226.000 pola selección das empresas que irían construír o hospital de Vigo (un proxecto marcado pola polémica ao se optar polo réxime de concesión privada para a súa edificación e para a xestión dalgúns dos seus servizos). PriceWaterhouse Coopers elixiu finalmente unha UTE na que están Bankia e outras empresas aqueixadas de graves problemas de financiamento.

Como ten publicado Sermos Galiza, en PriceWaterhouse Coopers traballou, até se incorporar ao Goberno Rajoy, o actual ministro de Economía, Luis de Guindos. Tamén o fixo o actual director xeral do FROB, Antonio Carrascosa.

Guindos e Carrascosa son os que facticamente teñen o control de Novagaliciabanco, empresa propriedade neste momento do Estado. NGB contratou con PriceWaterhouse Coopers o traballo de decidir que vítimas do calote das preferentes poderán ir á arbitraxe e cales, non.

Toda a información sobre este asunto no número 36 do semanario, xa nos quiosques, nunha información asinada por Rodri Suárez

Comentarios