A Audiencia Nacional española pide ao Partido Popular os libros de contas

Na Galiza deberán entregar os "libros maior e diario" correspondentes aos anos 1997, 1998 e 1999. Segundo o xuíz instrutor, a documentación requirida non fora remitida nin á Audiencia nin ao Tribunal de Contas. A contabilidade corresponderíase á etapa de Pablo Crespo como responsábel de Organización

[Imaxe: Estrella Digital]
photo_camera [Imaxe: Estrella Digital]

O xuíz Pablo Ruz disponse a entrar de cheo na contabilidade do Partido Popular. Após as últimas declaracións xudiciais que confirman a veracidade das notas recollidas polo ex-tesoureiro Luís Bárcenas, o maxistrado vén de requirir á dirección do Partido Popular os libros de contas da sede central e das delegacións territoriais da Galiza, Cantabria, Catalunya e Málaga, Sevilla e La Rioja. 

A documentación requirida foi solicitada por non ter sido entregada con anterioridade e non atoparse, tampouco, no Tribunal de Contas. 

Segundo o auto emitido esta sexta feira, a documentación demandada correspóndese cos pagamentos de terceiros percibidos pola organización entre os anos 1985 e 2005. Aliás, Ruz solicitou que lle foran entregados os rexistros dos pagamentos en concepto de gastos de representación entre 2004 e 2012 así como o libro de visitas da sede que o partido ten na rúa Génova (Madrid). 

O PP deberá entregar á Audiencia os libros de contas correspondentes aos anos en que Pablo Crespo era secretario de Organización 

A sombra de Pablo Crespo cínguese arredor de Feijóo

No caso galego, o Partido Popular deberá entregar os "libros maior e diario" correspondentes aos anos 97, 98 e 99. Época en que Pablo Crespo --imputado na Operación Gürtel e considerado número 2 da trama-- era responsábel de Organización. Cómpre lembrar que Crespo recoñeceu a pasada quinta feira ter desenvolvido un pagamento por valor de 124.000 euros a nome de Álvaro Lapuerta. A declaración do ex-secretario de Organización viña a confirmar máis unha das anotacións recollidas por Bárcenas. 

Na comparecencia de imprensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo declinou valorar as afirmacións do que foi compañeiro de filas asegurando descoñecer a veracidade das mesmas. Desde a publicación do escándalo arredor dunha suposta contabilidade B no Partido Popular, o actual presidente da Xunta de Galiza capeou as acusacións afirmando que, naquela altura, el "non militaba no PP". Porén, Crespo e Feijóo partillaron --para alén de militancia-- responsabilidades de goberno cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial.  

Comentarios