A Asemblea do BNG, a demisión de Ferrín e a Igrexa que queren os crentes de base, na capa do novo Sermos Galiza

A Asemblea Nacional do BNG é o tema de abertura do número 39 do Sermos Galiza, xa no prelo. O dereito a decidir, no horizonte, é a manchete a toda plana. Partilla espazo coa demisión de Ferrín, o copagamento dos comedores escolares e as arelas dos crentes de base por construír outra Igrexa, moi distante da que simboliza o flamante papa Francisco.

Nova entrega de Sermos Galiza. Número 39. Emprestamos especial atención á XIV Asemblea Nacional do BNG, que decorrerá este 17 de Marzo en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos). Dedicámoslle a dupla páxina de abertura e o editorial. Na páxina de Opinión aparece tamén un artigo asinado por Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG desde Maio de 2009 e que este 17 de Marzo entregará o testemuño ao catedrático de Economía Aplicada da USC, Xavier Vence.

A demisión de Ferrín e as profundas fendas que se adiviñan detrás dos muros da rúa Tabernas, en que se acha a sede da Real Academia Galega, é outro dos asuntos que levamos á capa deste novo Sermos Galiza, espazo que partilla co copagamento dos comedores escolares impulsionado polo Goberno Feijóo e coa reacción que levantou nas correntes cristiás de base a designación do novo chefe do Estado vaticano.

A escritora Rexina Veiga debrúzase sobre o escándalo de a Xunta ter elixido unha escritora colaboradora de Galicia Bilingüe para homenaxear Rosalía

Nas páxinas de opinión, para alén da nova entrega da sección de Pilar García Negro, e das novas pesquisas do espía nos quiosques, oferecemos unha peza da escritora Rexina Veiga en que se debruza sobre o escándalo de a Xunta ter elixido unha escritora colaboradora de Galicia BIlingüe para homenaxear a Rosalía.

Na sección Social abordamos a hipótese de @s moz@s accederen xa aos 16 anos ao dereito ao voto, en tanto que en Economía botamos un ollo inquieto a como vai afectar á frota galega a supresión dos descartes.

Completan a entrega o novo capítulo do Crânio de Castelao, unha moi interesante peza sobre o último disco de Rodrigo Romaní e as habituais seccións de Crítica, Deseño e Andar na Terra.

Comentarios