A Alianza Rural Galega alerta dos perigos da minaría fronte á política da Xunta

A Alianza Rural Galega bota a andar unha campaña informativa para alertar dos riscos da minaría na montaña de Lugo fronte á da Xunta que toma o lema “A minaría forma parte da túa vida”. Destrución do sector agrario e gandeiro, contaminación e despoboamento son, ao seu ver, os efectos dos proxectos mineiros consentidos pola Xunta. 

Campaña da Alianza Rural Galega
photo_camera Campaña da Alianza Rural Galega

Se a Xunta quere convencer das vantaxes das explotacións mineiras con campañas como “A minaría forma parte da túa vida”, na que chega a afirmar que “Galiza é unha mina”, a Alianza Rural Galega “contrainforma” cunha campaña na que ofrece datos sobre a ameaza de degradación que pode supor para a montaña de Lugo. Destrución de emprego no sector agrario e gandeiro, contaminación irrecuperábel e despoboamento son algúns dos efectos da minería invasiva que á que a Alianza Rural Galega se enfronta cunha campaña na que reparten alegacións para que organismos, entidades e particulares mostren a súa oposición. Afirman que continuarán até que a Xunta rectifique e paralice e non dea “o visto e prace ao saqueo do país”. 

No concello de Becerreá, un dos catro afectados polo proxecto mineiro, comezou a campaña informativa sobre o proxecto das minas de ouro na montaña de Lugo da Alianza Rural Galega, formada por Adega, Fruga, CIG e Organización Galega de Montes Veciñas. A campaña busca alertar sobre os perigos que se poden derivar do proxecto para o que se pediu solicitude de permiso de explotación mineira Lago II, solicitado pola empresa canadiana Lundin Mining Corporation a través da filial Gold Quest Ibérica. Os concellos afectados serían A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá, nun total de case 12.000 hectáreas. 

Explotación a ceo aberto, cun grande movemento de materiais para recoller fundamentalmente ouro,  consumo masivo de auga e a creación de balsas de contaminación líquida con minerais tóxicos, mesmo mortais con arsénico e cianuro  é o cadro que debuxan da minaría que se está a proxectar sobre a comarca. “De aprobarse este proxecto de exploración, suporía a degradación dunha área incluída en dúas Reservas da Biosfera cun importante valor ambiental, a de  Río Eo-Os Oscos-Terrade Burón e a de Terras do Miño, cun importante risco de contaminación, xa que un verquido afectaría ás cuncas do Miño e do Eo” alertan desde a Alianza Rural Galega. 

Risco para a agrogandeiría

A Alianza Rural Galega avisa tamén do risco que para o sector agrogandeiro, fundamental para o desenvolvemento da comarca, que entraría “en competencia directa pola terra e pola auga” coa minaría. Lembran que o sector é a “principal ferramenta de fixación de poboación e d loita contra os incendios forestais”. Fronte isto, o modelo de emprego que propón a minaría é de menos postos de traballo que ofrecen e só polo tempo que dura a explotación, 5, 10 ou 15 anos, a cambio de destruír a actividade noutros sectores. 

Lembran desde a Alianza Rural Urbana que a minaría a gran escala sostense “baixo unha relación colonial: o  beneficio marcha cara grupos de inversión foráneos namentres no territorio queda a desfeita e a contaminación que lastra o seu desenvolvemento do propio territorio durante xeracións”. Lamentan así que a Xunta abrise as portas “á explotación dos nosos recursos xeolóxicos ás grandes transnacionais da minería”. Como exemplo da política do goberno da Xunta sinalan a campaña “A minaría forma parte da túa vida” alén das axudas directas ás empresas mineiras. 

Comentarios