95 por cento de votos a favor de Baltar Jr

Baltar Jr revalidou a súa condición de chefe do PP ourensano, ao obter máis do 95 por cento dos votos. Este non foi un congreso de confronto co aparato de Monte Pío. Jiménez Morán, o home de Feijóo na provincia e rival de Baltar Jr, será vicesecretario do partido.

Na súa intervención ante o pleno do Congreso, Baltar Jr. fixo un alegato de autonomía ourensanista dentro do PP. "Só vos represento a vós e nada máis que a vós", díxolles ás e aos congresistas, após dicer que detrás del non hai ningún grupo de presión nen nengún poder mediático.

Feijóo optou por non dar a batalla ao neobaltarismo para non ficar en evidencia que non controla a provincia

A candidatura que lideraba Baltar Jr., a única en liza, obtivo 961 votos. Ninguén votou en contra. Rexistráronse apenas 47 sufraxios en branco.

Desta volta, Feijóo optou por non dar a batalla ao neobaltarismo, para non ficar máis unha vez en evidencia que non controla politicamente esta provincia.

Ao axir así, Feijóo abraza a política de coexistencia pacífica que sustentou sempre Fraga co núcleo ourensán do seu partido.

Comentarios