Reivindican o dereito a decidir, no 81 anivesario da Asemblea de concellos de Galiza pro-estatuto

Un grupo de historiadores e historiadoras lanzan un manifesto no que chaman a se sumar a aquelas propostas que, din, "promovan a vertebración social do dereito a decidir do pobo galego" e reivindican a recuperación de status histórico de Galiza proclamado en 1936. 

Asemblea-de-concellos-de-1932-e1387408738968

Pendurado no portal web da revista galega de historia, Murguía, e intitulado 1982-2013: Galiza pola Soberanía, 18 historiadoras e historiadores do país lanzaron un manifesto con motivo do 81º aniversario da Asemblea de concellos de Galiza pro-estatuto. 

Coa lembranza daquela reunión, na que unha nutrida representación de administracións locais, outras institucións e partidos políticos da época amosaron o seu desexo de que Galiza contase cun marco legal que pautara a súa realidade nacional un grupo de historiadoras e historiadores entre os que se atopan Francisco Carballo, Manuel Monge, Anselmo López Carreira e Encarna Otero, quixeron editar un manifesto no que reivindicar o dereito do pobo galego a decicir. 

Daquela xuntanza, lembran @s historiador@s, sairía aprobado un texto que anos despois sería redactado como Estatuto de Autonomía e votado de maneira favorábel através dunha consulta popular polo 73% dos votos emitidos válidos. 

As persoas asinantes apelan á realidade diferencial de Galiza e alertan de que o proceso re-centralizador español de patrón unitario acrecenta a súa equiparación como "apéndice de España"

Recuperar o status histórico de Galiza

"Como historiadores e historiadoras queremos lembrar aquel decisivo e exemplar encontro, apelando á sensibilidade e responsabilidade do pobo galego no tocante a esa súa, nosa, realidade diferencial", sinalan no manifesto publicado.

Nun momento, afirman, en que "o idioma precisa urxentemente de novas xeracións" de falantes "que aseguren o seu futuro" mais tamén, acrecentan, perante unha realidade política e económica na que "os nosos sectores produtivos" fican "especialmente desatendidos" con centros de decisión "lonxe dos nosos intereses e problemáticas". 

Neste senso, valorizan "de grande interese" todas aquelas propostas que, din, "promovan a vertebración social do dereito a decidir do pobo galego". Aliás, amosan o seu apoio, como tal, á iniciativa social Galiza pola Soberanía á que se adhiren con este manifesto mais tamén, á que chaman a se incorporar a toda aquela cidadanía que procure un Estado de seu para Galiza, algo, enfatizan, que non sería senón "recuperar a través dun proceso autodeterminista, baseado na autoorganización, o que foi o seu status histórico durante séculos". 

Eis a listaxe completa de asinantes:

Francisco Carballo, historiador e docente.

Dionísio Pereira, historiador.

Carlos F. Velasco Souto, historiador e docente.

Xoán Carlos Garrido Couceiro, historiador e docente.

Xosé Estévez, historiador e docente.

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador e docente.

Manuel Monge, historiador e docente.

Anselmo López Carreira, historiador e docente.

Luis Chapela Bermúdez, historiador.

Andrés Dacosta Paz, historiador.

Encarna Otero Cepeda, historiadora e docente.

Bernardo Máiz Vázquez, historiador e docente.

Alexandra Cabana Outeiro, historiadora e docente.

Antón Somoza, historiador.

Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, historiador e docente.

Manuel Pazos Gómez, historiador.

Alberto Lago Villaverde, historiador e docente.

Raúl Soutelo Vázquez, historiador e docente.

Prudencio Viveiro Mogo, historiador

Comentarios