Un 69% da militancia de CxG aproba concorrer ás europeas en coligación co PNV

CxG presentarase ás eleccións europeas de maio en coligación co PNV e, de ser o caso, tamén con CiU. Así o decidiu o 69% da súa militancia que se impuxo na convención electoral celebrada en Padrón fronte ao 29% que defendeu presentarse en solitario. 

Convención de Cxg
photo_camera Convención de Cxg

De maneira maioritaria, cun 69%, a militancia decidiu que CxG concorra ás eleccións europeas da man do PNV e, previsibelmente, tamén con CiU, se se chega a confirmar o acordo electoral. En minoría quedou a proposta de configurar unha lista propia que acadou só o 29% dos votos da militancia. 

Gonzalo Constela, Pérez Bouza e María Sambade foron os encargados de defender a proposta gañadora que oficialmente foi presentada como a “candidatura do PNV”, á marxe de que no futuro próximo se determine se máis forzas políticas, en concreto CiU deciden ir na mesma listaxe electoral. 

"A que se presentou como “candidatura galega” que consistía na concorrencia en solitario de CxG aos comicios europeos acadou o 29% dos votos"

Precisamente era a posibilidade de compartir candidatura con CiU a que levaba a unha parte da militancia de CxG a rexeitar a coligación co PNV ao recusaren os recortes aplicados por Artur Mas na Generalitat de Catalunya e cuestionaban partillar listas cun partido con dirixente encausados e procesados por casos de corrupción. A votación, malia iso, só se deu entre ir con PNV ou en solitario. 

Fronte á opción maioritaria defendeuse a que se presentou como “candidatura galega” que consistía na concorrencia en solitario de CxG aos comicios europeos. Iván Marrube, Jéssica Fernández e Álvaro Montes foron os encargados de defenderen esta posición na convención, proposta para a que contaron tamén co apoio de militantes como Xulia Guntín. Finalmente esta segunda opción acadou o 29% do apoio da asemblea. 

As bases programáticas foron aprobadas cun 93% a favor, 2% en contra e un 5% de abstencións. 

Comentarios