6.299 cotizantes menos á Seguridade Social nun ano

Entre febreiro de 2013 e febreiro de 2014, Galiza perdeu 6.299 cotizantes á Seguridade Social. No mesmo período, o Estado español gañou 61.557, segundo os datos feitos públicos esta terza feira polo Ministerio de Emprego. Só 902.990 persoas cotizan neste momento á Seguridade Social no noso país. O paro rexistado baixou en Galiza en termos inter-mensais: 1.006 desempregad@s menos.

paro, desemprego


.
No último mes -de xaneiro a febreiro-, Galiza viu incrementado o número de cotizantes á Seguridade Social en 1.613 persoas, un 0,18%, no mesmo periodo que o Estado Español aumentou nun 0,24%, un total de 38.694 persoas.

A afiliación á Seguridade Social en termos interanuais descende en febreiro en Galiza en 6.299 persoas, o que significa un 0,69%, un dato que bate coa media española na que se incrementou un 0,38%, é dicir un aumento de 61.557 novas altas.

280.071 persoas están inscritas como desempregadas en Galiza

A respeito do paro rexistado, e no que atinxe aos datos interanuais, en Galiza descendeu en 12.752 persoas, un 4,35% fronte ao 4,52 % de queda no total do Estado español. 280.071 persoas están inscritas como desempregadas nas oficinas oficiais. Pontevedra é a provincia que máis desempregad@s ten con 111.612 parad@s a seguir de A Coruña con 109.407, Ourense, 30.503 e Lugo con 28.549.

En termos inter-anuais, superan a Galiza en descenso do paro Aragón, Asturias, Illas Baleares, Cantabria, Castela a Mancha, Castela e León, Cataluña, Extremadurae Murcia.

En termos inter-mensais, o paro rexistado descende en Galiza en 1.006 persoas, o 0,36% por cento, un dado lixeiramente mellor do que no conxunto do Estado (o 0,04%).

O departamento que dirixe Fátima Báñez fala do mellor febreiro desde o inicio da crise en 2008.

CC.OO: "Malia a redución do desemprego, a mocidade continúa sen expectativas laborais"

A central sindical tiltou de "positivo" o descenso no número de persoas desempregadas que se rexistraron en Galiza no mes de febreiro. No entanto, aseguran que esta cifra "debe relativizarse". CC.OO asegura que a caída nas filiacións á Seguridade Social dá conta da falta de espectativas da mocidade galega que ou ben desiste de se sumar ás listas como demandantes de emprego ou abandona o país.

Para CC.OO o descenso interanual nas filiacións á Seguridade Social evidencian "a falta de espectativas" da mocidade

Por idades, indican, "constátase que a poboación menor de 25 anos continúa sen expectativas de poder desenvolver un proxecto de vida". Neste senso, apuntan, nos últimos doce meses, a afiliación minguou un 0,69 % en Galiza, mentres que no Estado subiu un 0,38%. 

Para o sindicato, reverter as elevadas taxas de desemprego virá da man dunha mudanza nas políticas económicas a comezar, subliñan polo desenvolvemento "doutra política fiscal --máis equitativa", a recuperación do crédito e a mellora do poder adquisitivo d@s traballador@s e pensionistas. 

Paula Prado (PP): "Máis da metade das persoas que abandonaron as listas do paro a nivel estatal fixérono en Galiza"

A voceira do Partido Popular gabouse esta terza feira dos dados do paro rexistrado en relación ao mes de febreiro. Para a popular a redución no número de persoas que, en relación a xaneiro, se inscribiron no servizo galego de emprego, "demostran que hai signos de recuperación económica". 

Paula Prado sumouse así á mensaxe triunfalista da ministra de Traballo española, Fátima Báñez, ao asegurar que na comparativa interanual os dados deitan un descenso no número de persoas desempregadas. "Isto supón que hoxe hai 12.752 persoas desempregadas menos en Galiza que hai un ano", enfatizou. 

Comentarios