UNHA ARTE AMEAZADA POLA UE

O 'xeito' pon rumbo a Bruxelas para defender a pesca artesanal de Galiza

Xeiteiros e representantes de confrarías integran a representación deste sector ameazado pola prohibición xeral das redes á deriva e que vai a Bruxelas co BNG a defender o seu presente e futuro.

xeito

A Unión Europea baralla prohibir a partir do 1 de xaneiro todo tipo de redes á deriva, decisión que tamén afectaría o ‘xeito’, arte de pesca artesanal galega sen impacto na pesquería e na que traballan 427 embarcacións, 116 delas de Rianxo. Explicábao en outubro un xeiteiro rianxeiro: “É como se para acabar co tráfico de marfil de elefante prohíben en África todo tipo de caza. Mesmo as dos bosquimanos para comer”. Bruxelas quer acabar coas redes á deriva como as quilométricas volantas, mais nese camiño pode levar por diante artes (como o xeito) que non teñen nada a ver.

Para explicar e defender a posición do sector galego da pesca artesanal ou de baixura unha delegación viaxa estes días a Bruxelas convidada polo BNG

Para explicar e defender a posición do sector galego da pesca artesanal ou de baixura unha delegación viaxa estes días a Bruxelas convidada polo BNG. Intégrana mariñeiros do xeito, patróns maiores de confrarías onde faenan estes barcos (Rianxo, A Illa, Cambados...), o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e polo portavoz parlamentario de Pesca do BNG, Daniel Rodas. Como 'anfitrioa' e 'representante' da delegación, Ana Miranda, que leva semanas defendendo este sector nas institucións europeas, reuníndose, debatendo, convencendo...

Argumentación

A proposta normativa impulsada pola Comisión Europea está a ser debatida na Comisión de Pesca e na Comisión de Medio Ambiente, polo que a delegación manterá encontros cos máximos responsábeis de ambas comisións. A delegación do 'xeito' terá a oportunidade de expor os seus argumentos ante o presidente da Comisión de Pesca, Alain Cadec, e aos eurodeputados relatores dos informes sobre as redes a deriva quer da Comisión de Pesca, Renata Briano, quer da Comisión de Medio Ambiente, Marco Affronte. En relación ao executivo da UE, a delegación manterá un encontro co director xeral, Humbert Gambs, e co xefe de unidade de conservación e control de pesca, Fabrizio Donatella.

Comentarios