30 anos da primeira folga xeral galega

O 14 de xaneiro cúmprense tres décadas do primeiro gran paro obreiro a nivel nacional convocado no noso país. Foi en 1984 e a responsabilidade dese paso con gran importancia no movemento obreiro e cidadá do país correspondeu á INTG, coa loita contra a reconversión naval como elemento central das mobilizacións. Galiza pola Soberanía lembra agora esa cita histórica cun acto en Teis (Vigo).

A folga foi convocada pola INTG
photo_camera A folga foi convocada pola INTG

O 14 de febreiro cúmprense 30 anos da primeira folga xeral galega, un fito no devir de Galiza como país con conciencia de seu. Foi en 1984, nunha época ben distinta da actual máis con elementos comúns. Nese ano, 1984, houbo tres paros xerais en Galiza. O primeiro, o do 14 de febreiro, do que se cumpren os 30 anos, convocado en solitario pola INTG. Os outros dous (12 de xullo e 29m de novembro) por esa central nacionalista ( da que naceu CIG) e CCOO.

En 1984 houbo tres paros xerais en Galiza contra a política económica do goberno central. O primeiro deles, o 14F, foi convocado en solitario polo nacionalismo

A do 14 de febreiro de 1984 foi convocada exclusivamente polo sindicato nacionalista INTG (Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos), aproveitando a convocatoria unitaria de paros comarcais contra a “reconversión naval” en Ferrol e Vigo. Esta loita contou co apoio de BNG, así como por Movemento Comunista de Galicia (MCG), Galiza Ceive (GC) e a anarquista CNT.

“As demais centrais sindicais pensaron que a extensión da folga pola INTG ía ser un fracaso. Trabucáronse, e o paro tivo unha gran incidencia nas cidades e en varias vilas do País". Desde a CIG lembraban no 20 aniversario dese paro que esa folga “demostraba que, contra o que argumentaban partidos e sindicatos estatais, a clase obreira galega tiña unha fonda conciencia de clase e nación, que non se movía só por problemas que lle atinxían directamente, é dicir por temas moi primarios e inmediatos”.

Lembrar desde Teis

Co gallo deste 30 aniversario, Galiza pola Soberanía convoca a vindeira sexta feira (14 de febreiro) en Vigo un acto. Será ás 20:00 horas diante do mercado de Teis (en caso de mal tempo, no centro cívico). Sob o título 'Soberanía para defendermos o naval' tomarán a palabra Telmo Varela (traballador do Naval), Ramón Cabana (ex-operario estaleiros Barreras), Manuel Mera (presidente Fundación Moncho Reboiras) e Serafín Otero (responsábel comarcal CIG-Vigo).

A plataforma soberanista sinala que "reivindica con este exercicio de memoria coletiva o valor da soberanía nacional concretizada no seo da nosa clase traballadora na que foi primeira Folga Xeral Galega, convocada polo sindicalismo nacional e de clase en 1984".

Comentarios