25 anos da revolta popular que transformou Allariz

Este 11 de agosto cúmprese un cuarto de século da loita popular que rematou co goberno do Partido Popular en Allariz e iniciou un proceso de transformación municipal liderado pola veciñanza. 

Allariz 25 anos cartaz cor

O Concello de Allariz celebra a vindeira segunda feira (11 de agosto) os vinte e cinco anos da revolta popular que marcou a historia recente deste municipio ourensán. Cunha xornada de convivio veciñal @s alarican@s lembrarán os acontecementos daquel verán de 1989.

"A gota que colmou o vaso", explica o alcalde de Allariz, Francisco García, nunha entrevista que Sermos Galiza publicará esta semana no xornal en papel, foi atopárense co río Arnoia cheo de peixes mortos pola contaminación. "Daquela non había saneamento", explica, e todos os refugallos ían parar ao leito do río. 

Fart@s da situación de "desgoberno" que vivía o concello desde había anos e da "inoperancia" do seu alcalde, Leopoldo Pérez Camba (Partido Popular), as veciñas e veciños de Allariz exixiron ao rexedor a convocatoria dun pleno extraordinario para avaliar a situación do Arnoia, mais tamén o cansazo veciñal. 

A veciñanza toma a Casa do Concello

O popular Leopoldo Pérez rexeitou convocar a corporación municipal e após unha asemblea de veciñ@s, @s alarican@s decidiron tomar a Casa consistorial. "Eu era un simple obreiro, traballador", explica Antonío González, un dos veciños no documental editado con motivo dos 18 anos da revolta, mais, acrecenta, "os abusos que se vían obrigábante a reclamar os dereitos coma calquera outro cidadán". 

O movemento popular xurdido en Allariz abranguía a práctica totalidade da veciñanza. En quendas, o casa do concello nunca ficaba baleira. Así durante tres meses as veciñas e veciños reclamaron un futuro mellor para a súa vila mais co paso dos días, tamén a demisión do alcalde e a convocatoria dunhas novas eleccións municipais. 

"Aos tres meses, cando a xente podía comezar a fraquear", explica no mesmo documento audiovisual Anxo Quintana, unha das facianas máis recoñecíbeis daqueles acontecementos, "o alcalde saíu nos medios facendo unhas declaracións nas que insultaba a todo o mundo", aquelo, explica, "foi motivo suficiente para que a xente quedara". A soberbia de Leopoldo Pérez contribuíu con moito a que a veciñanza de Allariz se mantivese unida e non decaesen os ánimos malia as ameazas de desaloxo e mesmo a detención de cinco dos participantes no encerramento. 

Solidariedade popular

Ese feito, que ficou na memoria colectiva de Allariz, marcou o decorrer do conflito. "Iso foi o peor de todo", explica a alaricana Rosa Vila. "O que pensei estando no xulgado é que a partir dese momento ía xerarse unha situación moi difícil de controlar", sinala Quintana, un dos apresados. "Até ese momento fora un proceso cívico e pacífico", acrecenta, mais as detencións facían complexo que os ánimos non se quentaran. 

A figura de Euloxio, un veciño dos máis maiores da vila, enfermo de cancro e pai dun dos presos foi quen chamou á calma. "Pediu clemencia para que non pasase nada", explica Alberto Conde, "foi o único capaz de parar aquela masa para que non houber violencia". 

A saída do alcalde

Todo o que aconteceu a partir das detencións foi que o movemento popular se tornou tamén de solidariedade entre @s veciñ@s que reclamaron a posta en liberdade das persoas presas e a saída "fora como for" do alcalde. "Esa era a única vía pola que se lle podía pór fin ao conflito", sinala Román Bouzas. 

A renuncia de Leopoldo Pérez, xunto coa d@s demais integrantes da equipa municipal en novembro puxo punto e final á loita d@s veciñ@s. Nas eleccións municipais convocadas o BNG resultou a forza política maioritaria e encetou un proceso de transformación de Allariz de acordo coas demandas e propostas da veciñanza. "Non hai mellor alcalde que o pobo" é unha das frases coas que o actual alcalde, Francisco García, participante tamén na revolta de 1989, sintetiza o novo tempo xurdido en Allariz após a loita social daquel verán. 

Un fito histórico que fica na memoria de Allariz, mais tamén na de tod@s @s galeg@s. 

Comentarios