21 imputados da Gürtel, entre eles Pablo Crespo, poderían terse acollido á amnistía fiscal

A amnistía fiscal aberta polo Goberno Rajoy non só puido ter sido aproveitada por Luis Bárcenas, que hoxe comparece ante a Fiscalía Anticorrupción.

Até 21 imputados na trama Gürtel -entre eles quen fora secretario de Organización do PP galego, Pablo Crespo- puideron terse acollido a un sistema co que branquear o diñeiro defraudado.

Pablo Ruz, xuíz da Audiencia Nacional, ditou onte un auto através do cal pide á Axencia Tributaria que lle certifique se os 21 imputados na trama de financiación irregular do PP tramitaron acollerse á aministía.

Estaríamos, de se confirmar, ante un escándalo sen precedentes. Primeiro, o PP articula unha trama para financiarse irregularmente, con mordidas a empresarios do sector da construción. Depois, desde o propio goberno, lexisla para branquear fiscalmente os ingresos obtidos pola trama. Cumpre lembrar que Bárcenas amasou unha fortuna de 22 millóns de euros, depositados nun banco suizo.

Entre os 21 imputados figura o que foi secretario de Organización nos anos 90 con Fraga, Pablo Crespo, quen pasa por ser o número 2 da trama Gürtel.

Comentarios