Quecemos motores cara ao 1 de Maio cun A Fondo para a confluencia das loitas

O deseprego xuvenil que deixa a xente moza entre a precariedade e a emigración ou a discriminación por razón de xénero que condena ás mulleres a padeceren de maneira máis notoria as consecuencias da crise, son algunhas das reflexións que atoparás neste caderno de análise


A piques de se conmemorar o 1 de maio Sermos Galiza leva o seu caderno semanal ao mundo do traballo. As razóns para se mobilizar este 1 de maio centran a nosa análise semanal o día en que o goberno español anuncia, máis un pacote de reformas e recortes. Oito páxinas coordinadas por Xabier Pérez Igrexas arredor dos motivos para encher as rúas da Galiza a vindeira cuarta feira. 

As centrais sindicais preparan as súas convocatorias. Falamos cos líderes das centrais sindicais e entrevistamos ao secretario xeral da Confederación Internasindical Galega. As pollíticas de austeridade centrarán as demandas de CCOO e UXT mentres a central nacionalista apunta directamente ao "Partido Popular e a Unión Europea" como "os responsábeis da situación" actual que está a viver a clase traballadora galega. Unha realidade ennegrecida polas políticas neoliberais dos gobernos español e galego mais tamén das institucións europeas e internacionais. As consecuencias desta xestión, asegura Manuel Mera están a facer "do traballo un inferno". 

O deseprego xuvenil que deixa á metade da xente moza entre a precariedade e a emigración ou a discriminación por razón de xénero que condena ás mulleres á exclusión laboral ou a padeceren de maneira máis notoria as consecuencias da crise, son algunhas das reflexións que atoparás neste caderno de análise centrado naqueles "monstros no camiño" que deviñeiron na conmemoración do 1 de maio como Día da clase traballadora: o asasinato de milleiros de operari@s en loita por unha xornada laboral digna (8h). 

Após dous séculos daqueles acontecementos na cidade de Chicago, as vilas e cidades do país están chamadas nunha data "de rebelión e non de descanso", apunta Uxío-Breogán Diéguez arredor da historia que cerne esta emblemática data para o movemento obreiro. 

Comentarios