A Xunta terá que responder do "crack" de abril no tecido industrial

Abril foi un  mes tráxico para para as industrias galegas. Aos nomes de Pescanova, Darty ou Caramelo sumáronse T-Solar, Pórtico, Atento ou Unísono como empresas que neste mes saltaron á información por peches ou despedimentos. A Xunta terá que responder no Parlamento sobre esta destrución do tecido industrial. 

Pescanova
photo_camera Pescanova

En Abril, Darty, que antes era San Louis, anunciou o peche das súas dez tendas que tiñan empregadas a 150 persoas. A empresa de paneis solares T-Solar, con 170 persoas traballando, negocia un ERE extintivo despois de ser creada cinco anos atrás co apoio de 16,2 millóns de euros de axudas do Estado, Xunta e Deputación de Ourense.  A marca de confección Caramelo entrou en concurso de acredores co presentación dun ERE. Con 800 persoas traballadoras, Pórtico aplica desde setembro un expediente de regulación temporal de emprego e está a renegociar a súa débeda. 

A situación continúa a agravarse coa incógnita sobre os postos de traballo de Pescanova, e o grave momento para os cadros de persoal de empresas como Atento que pode supor o despedimento de 142 persoas ou Unísono cun ERE suspensivo para 97 persoas nun sector que está botando empregadas á rúa de forma progresiva. 

Ausencia de entidades financiaieras

Diante desta situación e do que denominan “mes negro” para a economía galega,  o BNG a través dos seus deputados Carme Adán e Francisco Jorquera vén de presentar no Parlamento distintas iniciativas para demandar ao goberno da Xunta as medidas que se van desenvolver desde o IGAPE para frear esta situación ademais da valoración da Consellaría de Economía e Industria da destrución do tecido industrial. 

“A combinación da crise económica coa ausencia de entidades financeiras propias e unha pasividade total por parte do Goberno galego está a ter un resultado desolador na economía e no emprego na nosa terra” sinalan, poñendo como pano de fondo o caso de Pescanova mais facendo tamén relación de empresas que durante estes últimos tempos anunciaron peches, eres ou ertes concursos de acredores, peches e outras situacións que deixan á vista a febleza e o momento crítico que está a atravesar o tecido produtivo. As varias iniciativas rexistradas no Parlamento obrigarán a Xunta a responder na sede institucional ás políticas desenvolvidas para reverter esta situación. 

Comentarios