"Xa teño abondo co que teño, mas parece que me vai tocar ser portavoz", di Beiras sobre a Asemblea de Anova

Nunha entrevista na Radio Galega, Beiras asumiu que vai ser eleito portavoz de Anova na asemblea nacional que a formación realizará os días 8 e 9 de Xuño, en Santiago.

Beiras e Yolanda Díaz
photo_camera Beiras e Yolanda Díaz

15 minutos de conversa entre o xefe de informativos da Radio Galega, Xabier Ares, e o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras. O veterano político de Brión (1936) asume que vai ser eleito líder da organización na Asemblea Nacional que irá decorrer os días 8 e 9 de Xuño. "Parece ser que si. Vaime tocar ser portavoz, embora xa teño abondo co que teño", dixo.

Ares perguntou a Beiras se pensaba que, alén de na protesta, @s galeg@s poderían ver en algún momento a Anova como unha "forza de goberno". "Se hai unha creba democrática do actual réxime", dixo en relación á monarquía española borbónica, "si que se nos pode ver" nese plano, afirmou o líder nacionalista.

Beiras tamén explicou a presenza de Anova nunha convocatoria da esquerda española, o vindeiro 31 de Maio en Madrid, organizada por Izquierda Unida, en que van participar como cabezas de cartaz Cayo Lara e Alexis Tsipras, líderes de IU e a Syriza grega, respectivamente. Proceso constituínte no Estado? "É un simposio, unha convención da esquerda. É un convite a título persoal, para participar nese debate. Estamos a finais dun ciclo histórico e ao principio dun novo ciclo", dixo. O líder de Anova explicou que a política no actual contexto se sustancia en tres "cenarios" distintos, o nacional, o estatal e o europeu. Sustentou a tese de que para exercer o dereito "á libre determinación" o pobo galego ten que estar representado en todos e cada un deses cenarios. Ese sería o papel que quer xogar Anova como organización, dixo, "do nacionalismo de esquerdas".

"Nos '90 un membro da Mesa advertiume de que querían meterme cocaína no coche"

Non precisou cal será a fórmula pola que eventualmente aposte Anova á hora de concorrer ás eleccións europeas de 2014. Tamén aí ve 3 cenarios. O dunha coligación das forzas nacionalistas e de esquerdas. O dunha plataforma do nacionalismo de esquerdas de Catalunya, Euskal Herria e Galiza. Ou o dunha candidatura só de forzas nacionalistas galegas. E vosté en cal desas hipóteses aposta?, inquiriu Ares. Beiras contornou a resposta e dixo que dependería de cara onde vai a dinámica política e de se esta vai ou non a apuntar cara á "ruptura democrática".

O xefe de Informativos da RG interesouse tamén por saber como reaxiría Beiras caso de algún deputado do PP se plantar perante o seu escano e bater nel (no escano, non en Beiras, esclareceu Ares após ser cuestionado ironicamente polo líder de Anova). Beiras respondeu que nos 90 el foi obxecto de ameazas proveniente das fileiras conservadoras e que até nunha ocasión un membro da Mesa do Parlamento, da oposición á Fraga, lle advertira de que tencionaban "meterme cocaína" no coche.

"Ou é que pensan que eles non son agresores? Fórono sempre e eu non fixen ningunha agresión, só exercín a miña liberdade cando se estaba a manipular o meu nome por parte do presidente da Xunta para o guindar contra o porta-voz do BNG. Iso é intolerábel do ponto de vista da ética parlamentar", concluíu Beiras.

Comentarios