"Tivérono esposado durante horas e de cando en vez un policía poñía unha luva de coiro e batía nel"

A CIG califica de "salvaxada propia do franquismo" os insultos e reiterados golpes recibidos en comisaría polo responsábel comarcal do sindicato en Ferrol, López Pintos, detido nunha protesta do Sector naval ante un acto do PP. O BNG vai solicitar a comparecencia do Ministro do interior para que exixirlle explicacións.

Xesús A. López Pintos, responsábel comarcal da CIG en Ferrol, viveu estas horas unha experiencia máis propia do fraqnuismo que do que debe ser unha democracia en 2012. Detido na mobilización de operarios do naval ante un acto do PP, foi trasladado a Comisaría, onde pasou a noite. "Tivérono esposado en Comisaría ao lado dun banco durante horas. De cando en vez, un policía achegábase, poñía unha luva de coiro, e batía nel mentres o insultaba. Cando Pintos chamaba a atención aos outros policías que estaban alí sobre o que lle estaban facendo, estes dicíanlle que non vían nada".

Quen isto relata é Suso Seixo, secretario xeral da CIG, que califica o acontecido de "salvaxada propia do franquismo". Alén dos golpes e insultos persoais, tamén foi insultado López Pintos por seren sindicalista da CIG. "Los de la CIG sois unos hijos de puta y os vamos a matar", teríalle espetado un policía ao detido, segundo a versión dos feitos que manexa a central.

 "Los de la CIG sois unos hijos de puta y os vamos a matar"

Seixo informou de que os feitos xa foron denunciados ante o xuiz que tomou declaración a López Pintos, e que o deixou en liberdade con cargos. E de que van ser denunciados en comisaría "e públicamente". A CIG tren claro que "isto non se pode permitir, de ningún xeito" e advertiu que está disposta a chegar a onde faga falla para que se esclareza o acontecido e se depuren responsabilidades.

O BNG solicita a comparecencia do Ministro do Interior no Congreso

O Bloque Nacionalista Galego fixo público que solicitarán a comparecencia do Ministro de Interior pola actuación policial en Ferrol desta madrugada, na que se cargou contra traballadores e representantes sindicais do naval no marco dunha protesta ao fío da colada de inicio de campaña do PP.

“Estamos a ver todos os días imaxes dunha brutalidade e agresividade por parte da policía que non é xustificábel en democracia”

A solicitude será formulada pola deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández Davila, e con ela pretenden que o Goberno central “explique as denuncias de malos tratos” dos que foi vítima o responsábel comarcal da CIG en Ferrol, Xosé Anxo Pintos.

Asemade, Fernández Davila pedirá explicación das cargas producidas durante a manifestación de traballadoras e traballadores do sector naval que decorreu esta sexta polas rúas de Ferrol. “Estamos a ver todos os días imaxes dunha brutalidade e agresividade por parte da policía que non é xustificábel en democracia” afirma a deputada.

NÓS-UP expresa a súa solidariedade fronte a “agresión policial”

A Asemblea Comarcal de Nós-Unidade Popular en Trasancos emitiu un comunicado no que a organización independentista expresa tamén o seu apoio a todas as persoas participantes das protestas de Ferrol e condena as “agresións policiais”, enviando unha mensaxe de solidariedade a todas as persoas feridas e de xeito especial a Xosé Anxo Pintos.

Comentarios