Nunca tal se oira nos EUA: “Son pívot da NBA. Son negro. Son gai”

Jason Collins, xogador da NBA no equipo dos Wizards de Washington, é o primeiro deportista dunha gran liga dos EUA que recoñece publicamente a súa homosexualidade. “Pido respecto”.

Jason Collins
photo_camera Jason Collins

Con 713 partidos xogados, 93 deles nos play offs, Jason Collins ten gañado o dereito a pedir respecto. Palabra que el, negro, coñece ben. Era o que pedía hai anos Aretha Franklin na histórica Respect. “Son un veterano e gañei o dereito a ser escoitado” manifestou Collins. E dixo, entón, o que quería dicir: “Son pivot. Son negro. Son gay”. E este xogador dos Wizards converteuse así no primeiro deportista dunha gran liga dos EUA en recoñecer publicamente a súa homosexualidade. Antes fixérao John Amaechi na súa autobiografía, mais cando xa estaba retirado da competición.

“Persoalmente, non gosto de meterme na vida privada doutras persoas e espero que os xogadores e treinadores me respecten”, sinalou Collins, que engadíu: “agardo o mellor e estou preparado para o peor”.

Collins xa recibiu desde a súa confesión o apoio público e a solidariedade de xogadores da NBA, entre eles estrelas como Kobe Bryant, líder de Los Angeles Lakers.

Black & Proud...& gay

Nos anos 60, en plena explosión do 'Black Power' en EUA, James Brown incendiaba barrios, guetos, cidades, e barriadas onde moraban os afroamericanos co seu funk cun retrouso como cóctel molotov: 'Say it Loud: I´m black and I´m proud' (Bérrao forte: Son negro e estou orgulloso).

Agora Collins engade unha terceira pata: Son negro, son gay e estou orgulloso. E ergue así a bandeira do respecto á súa opción sexual en dous eidos 'complicados': O mundo dos deportes de masas e a comunidade afroamericana.

Comentarios