''Se hai solución política para meter 23.000 millóns en Bankia ten que habela para @s estafad@s''

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, culpou directamente os Gobernos español e galego e á ''falta de control político'' do acontecido coas participacións preferentes, e reclamou unha comisión de investigación da xestión nas caixas e das decisións da Xunta

"Se houbo solución política para meter 23.000 millóns en Bankia ten que habela tamén para devolver moito menos diñeiro @s estafad@s das preferentes". Reclamouno o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nunha entrevista concedida á radio pública galega na que culpou directamente os Gobernos español e galego do acontecido coas participacións. "Quen tiña que ditar as normas permitiron que as caixas de aforros puidesen facer este tipo de actividades. Na Galiza non houbo control político. Fixeron e desfixeron ao seu antollo durante moitos anos".

Diante da situación, o nacionalista insistiu en coñecer a xestión emprendida pol@s dirixentes de Caixa Galicia e CaixaNova, así como "que decisións se tomaron desde a presidencia da Xunta". Exixiu, nesta liña, a posta en funcionamento dunha comisión de investigación sobre ex-directiv@s que aporte respostas para @s galeg@s, para podermos saber "o que realmente pasou".

Noutra orde de cousas, Vázquez tildou de "absolutamente fracasado" e "ao servizo do neoliberalismo" o modelo económico da Unión Europea, e achacou a estas políticas a desaparición de sectores estratéxicos no noso País, como a pesca ou o naval. Por conseguinte, ao entender do líder do BNG, "a solución á crise non pasa por máis Europa", senón por "outra Europa" que tome en consideración os intereses da cidadanía "e a cohesión social e territorial".

"A actual Europa está conseguindo levar adiante o IV Reich", espetou Vázquez, ao considerar que "cando se fala de ceder soberanía a Europa cédeselle a Alemaña". Así mesmo, considerou "inadmisible" un sistema no que o Banco Central Europeo "presta diñeiro á banca privada" a un interese do "1 por cento" para que estas entidades "compren débeda pública ao 5 por cento".

Comentarios