@s catro independentistas negan a existencia de Resistencia Galega

Na sesión de mañá do xuízo que está a decorrer na Audiencia Nacional, @s 4 independentistas acusad@s de pertenza "a organización armada" negaron a existencia de Resistencia Galega. Axentes de policía que prestaron testemuño admitiron que non dispoñen de "probas científicas" que avalen a existencia de RG

Esta segunda feira deu comezo o xuízo a 4 independentistas galeg@s na Audiencia Nacional española acusad@s de pertenza "a organización armada", tenza de explosivos e falsificación de documentos. Após seren inquiridos polo Ministerio Fiscal e os avogados da defensa, Eduardo Vigo, Roberto R, Fialhega, Antóm Santos e Maria Osório negaron a existencia de Resistencia Galega -organización armada á que se atribúe a colocación de artefactos explosivos no noso país. Aliás, negaron tomar parte de "organizacións ou estruturas" que empreguen a violencia con fins políticos. 

Abel Losada (PSOE) non atribuíu os artefactos explosivos dirixidos a sedes socialistas "a ningunha persoa ou colectivo concreto"

Na sesión de mañá, que comezou arredor das 10.30h, compareceron chamados pola defensa os portavoces parlamentares das formacións políticas con representación na Cámara galega. Francisco Jorquera (BNG) e Xosé Manuel Beiras (AGE) negaron que na Galiza exista unha organización terrorista e afirmaron que non se cometeu acto violento ningún contra institucións públicas como o Parlamento, a Xunta ou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. 

Aliás, o voceiro socialista, Abel Losada salientou non poder "atribuír" as accións perpetradas contra sedes do PSdeG "a ningunha persoa ou colectivo concreto". 

Os axentes da policía española admitiron a inexistencia de "probas científicas" que avalen a existencia de RG e apelaron á súa "experiencia policial" para manteren as acusacións @s independentistas

Pola súa banda, o portavoz do BNG asegurou que "o soberanismo [galego] sempre foi pacífico" e defendeu o seu ideario "por vías democráticas", sen que lle conste a existencia de ningunha organización armada que procurase, a través de vías violentas, a liberación nacional e social da Galiza. Tamén así, Xosé Manuel Beiras apuntou que "o nacionalismo galego" non ten conexión coa violencia "desde os anos 80". 

En reiteradas ocasións, a defensa quixo saber, quer na comparecencia de Pedro Puy (PP) quer na de Samuel Juárez (delegado do goberno en Galiza), se cargos públicos en Galiza levaban escolta por temor a seren vítimas de atentados. O xuíz considerou esa cuestión impertinente, non procedente do ponto de vista da instrución da causa, polo que non puido ser contestada. A defensa formulou protesta formal perante o recurso á impertinencia por parte do presidente do tribunal.

Após a comparecencia dos grupos parlamentares, iniciouse a rolda de testemuñas da policía española. Os axentes admitiron que non dispoñen de probas científicas que avalen a existencia dunha organización armada na Galiza. Porén, apelaron á "experiencia policial" para sustentaren a acusación contra @s catro moz@s.

Comentarios