Mobilizacións na defensa da universidade pública

As organizacións convocantes rexeitan os recortes nos Orzamentos da Xunta para 2013. "Poñen en perigo a universidade pública e o desenvolvemento futuro de Galiza". Acordaron un calendario de mobilizacións que contempla entrevistas cos grupos parlamentarios, concentracións, aulas na rúa, pitadas e mesas redondas, entre outras.
Asemblea universitaria (arquivo).

A Coordinadora en Defensa da Universidade Pública, integrada por organizacións sindicais e estudantís das tres universidades galegas, compareceron nesta terza feira para manifestar "o rexeitamento unánime aos recortes orzamentarios da Xunta de Galiza para 2013". Esta plataforma está integrada por Acción Universitaria, APA, CIG, Comités, CUT, Liga Estudantil Galega, TGU (USC), UGT, CCOO e USO.

Para esta Coordenadora eses recortes poñen en perigo a universidade pública "e o desenvolvemento futuro de Galiza". Ante isto, acordaron un calendario de mobilizacións que contempla entrevistas cos grupos parlamentarios, concentracións, aulas na rúa, pitadas e mesas redondas, entre outras.

Calendario:

- 21 de febreiro: Fan un chamamento a toda a comunidade universitaria a participar nas concentracións convocadas pola Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos para esta data, ás 19:00 horas nas cidades galegas.

- 25 de febreiro: Convocan unha concentración, ás 10:00 horas diante do Parlamento de Galiza coincidindo co comezo do pleno de orzamentos. Ao longo desa xornada están previstos tamén actos e mobilizacións a desenvolver nas distintas facultades.

- 26 de febreiro: Convócase un paro de catro horas apoiado pola CIG, APA, TGU, CUT, Liga Estudantil Universitaria e Acción Universitaria, para facilitar a participación na concentración convocada diante do Parlamento de Galiza. Previsibelmente convocarase tamén unha concentración previa na Praza do Toural, ás 13:00 horas, para saír en manifestación até o pazo do Hórreo.

Comentarios