“O sistema de cotas desaparecerá porque non hai unha maioría favorábel ao seu mantemento”

O eurodeputado ponente do Parlamento europeo e responsábel da redacción de dous dos relatorios máis importantes na reforma da PAC, Luis Manuel Capoula, asegurou ás e aos representantes do sector gandeiro que malia ser a súa vontade mudar o rumbo das políticas agrarias comúns “facer unha mudanza radical non é posíbel porque non se dan as condicións políticas obxectivas para iso”. Capoula falou da modificación da PAC na xuntanza coa delegación galega en Bruxelas
Capoulas e Miranda
photo_camera Capoulas e Miranda

Segundo día de xornada en Bruxelas para a delegación, que chegada desde Galiza, procura trasladar ás institucións comunitarias as necesidades e carencias do sector agro-gandeiro galego. Entre o frío xélido e a neve que cubría a capital belga a primeira hora da mañá, o que fora ministro de Agricultura do goberno socialista luso e agora eurodeputado ponente no Parlamento europeo, Luís Manuel Capoulas, debullou ás e aos representantes galeg@s boa parte dos acordos adoptados no seo das negociacións das que resultará a nova PAC 2014-2020.

 “Capoulas é responsábel dos relatorios sobre pagamentos directos e desenvolvemento rural”

Moitas dúbidas e cuestións entre as persoas que representan os intereses de Galiza perante unha modificación que, ademais de histórica, implicará grandes cambios para o sector agro-gandeiro galego. Neste sentido, Capoulas asegurou que os relatorios dos cales el foi responsábel, “representan o 90% do orzamento da PAC” e abranguen “os pagamentos directos e as políticas de desenvolvemento rural”. Ao longo de máis dun ano, Capoulas elaborou dous textos inicias aos que lles foron presentadas arredor de 4.500 emendas. Após un arduo debate e confrontación de intereses que mesmo o levou a discutir con eurodeputad@s do seu partido, acadáronse 20 compromisos en materia de desenvolvemento rural que, a priori, serán votados favorabelmente no plenario final, no entanto, salientaba Luis Manuel Capoulas, “o problema é que podemos ter unha excelente listaxe de medidas e despois non ter diñeiro para as aplicar”, a respecto do recorte orzamentario proposto polo Consello e defendido por países como Francia a respecto do segundo piar da PAC (desenvolvemento rural).

Definir a agricultura activa, unha controversia latente


Unha das principais innovacións introducidas na reforma da PAC é a definición da agricultura activa como principal suxeito receptor dos pagamentos directos –axudas de entre 500 e 1500 euros exentas de fiscalidade. Neste sentido, o grupo dos Verdes, como ben defendía na xornada anterior Michel Dupont, pula pola consideración de agricultor(a) activ@ como aquel(a) que exerce de maneira “real” a actividade agraria. Xurxo Álvarez Pérez, presidente da Fruga mesmo lle lembraba ao eurodeputado ponente que a agricultura debe ser entendida “como unha actividade social encamiñada á produción de alimentos” fronte á concepción tradicionalmente defendida desde as institucións europeas que concibe a actividade agraria familiar como “xardineiros”, ironizaba Álvarez. Porén Capoulas –que procurou o consenso a través da fixación dunha porcentaxe de actividade agraria (50%)-- asegurou que non existía acordo e que, finalmente, serán os Estados membros da UE os que determinen que é unha actividade agraria.

Xurxo Álvarez (Fruga): “A agricultura debe ser entendida como unha actividade social encamiñada á produción de alimentos”

Tamén así, malia que a vontade inicial da ponencia era fixar un “teito límite”, explicou Luis Manuel Capoulas, para a recepción de axudas vencelladas á superficie de terra traballada, a maioría do Parlamento rexeitou a proposta, o que permite @s grandes terra-tenentes, apropiárense de cantidades inxentes de fondos europeos en detrimento das pequenas explotacións (maioritarias en Galiza) como é o caso da duquesa de Alba. Edelmiro López Iglesias, rexeitou tal consideración ao entender que as axudas se dirixen, desta maneira, “á superficie e non aos seres humanos”. Mais a UE, non dará o seu brazo a torcer.

“O sistema de cotas desaparecerá”

Unha das principais preocupacións da delegación galega chegada a Bruxelas é a inminente desaparición do sistema de cotas no sector lácteo, o que suporá graves consecuencias para a produción leiteira galega. A débeda contraída por moitas das explotacións nos anos noventa após a implantación da cota láctea levaraos a pagar a contía adebedada –aínda agora-- mesmo cando esta non teña valor a partir de 2015. Neste sentido, na Fruga, as cooperativas de gandeir@s e a comunidade académica demanadan a implantación dun Fondo Lácteo que permitise compensar as perdas cando o sistema de cotas sexa finalmente suprimido e, aliás, que se introduzan novos mecanismos de regulación da produción que impidan a liberalización extrema do sector. “O sistema de cotas non se poderá manter porque non hai maiorías favorábeis ao seu mantemento”

Luis Manuel Capoulas –que recoñeceu estar “persoalmente” en contra da eliminación das cotas lácteas-- asegurou que a decisión é “irreversíbel” pois a maior parte do Parlamento europeo –de igual maneira que a Comisión-- apoia a supresión deste sistema implantado na PAC após a creación do mercado común europeo. No entanto, asegurou que traballaban a prol da posibilidade de que se introduza a “flexibilidade entre piares” garantindo un “trasvase de fondos procedente do segundo piar” (desenvolvemento rural) cara ás axudas destinadas a paliar os efectos prexudiciais da desaparición das cotas. No entanto, esa decisión depende finalmente dos estados membros.

Comentarios