O PP trata de impedir as manifestacións en Santiago

O goberno municipal do PP está a poñer atrancos para o desenvolvemento de mobilizacións sociais na capital galega. Na manifestación do pasado domingo en defensa do aborto libre e gratuíto un bar tivo que permitir o acceso á rede eléctríca xa que o Concello rexeitou o permiso para o enganche. Só un exemplo dunha práctica xa habitual polo PP. 

A representante da Plataforma galega pola defensa do dereito ao aborto, Pilar Estévez, denunciaba na Praza de Praterías, no remate da manifestación nacional do pasado domingo día 17, os atrancos atopados no Concello da capital galega para o desenvolvemento da mobilización. Segundo manifestou durante as intervencións finais, entre outras cousas, o goberno municipal do PP non permitira o acceso á toma eléctrica necesaria para o peche final da mobilización, para a megafonía precisa para os discursos e actuacións musicais. A Plataforma agradeceu, pola contra, a dispoñibilidade dun bar próximo ás Praterías que permitiu botar man da súa rede para poder desenvolver o acto final. 

Non era nin a primeira nin a última vez que o PP poñía atrancos ao desenvolvemento dunha mobilización social, das que en Compostela se incrementan nos últimos tempos, en especial, contra a política de recortes e a imposición de ideas reaccionarias do PP. Desta maneira, tamén a CIG e a Plataforma Galega en defensa do Ensino atoparon os mesmos problemas que agora denuncia a plataforma feminista. A negativa a dar permisos para a instalación de palcos é outra das novas medidas que está a tomar o goberno presidido por Currás, como aconteceu na pasada do 17 de maio. 

O tema será motivo de debate no Concello, unha vez o voceiro do BNG, Rubén Cela, vén de preguntarlle ao alcalde as razóns que o levaron a rexeitar os permisos para enganches de electricidade e megafonía nas manifestacións. Consideran desde a organización nacionalista que o PP está a denegar as solicitudes co fin de crear atrancos a manifestacións que evidencian “o profundo rexeitamento cidadá ás políticas regresivas de recortes de dereitos sociais e laborais que impulsa desde os Gobernos da Xunta e do Estado”. Ao seu ver, a actitude do goberno municipal está a coartar os dereitos fundamentais de manifestación e reunión. Desoe tamén o goberno municipal a ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública na que se recolle a utilización de megafonía nestes actos, ordenanza que provocara unha forte oposición social pola intención do PP de dificultar as mobilizacións.

Comentarios