O director xeral da CRTVG xustifica a contratación de Isabel Pantoja, acusada de branqueo de capitais

Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, defendeu a súa xestión e negou calquera manipulación informativa a preguntas do BNG e o PSdeG. Inquerido pola nacionalista Montse Prado, xustificou a contratación de Isabel Pantoja, acusada de branqueo de capitais

Sánchez Izquierdo, director da CRTVG
photo_camera Sánchez Izquierdo, director da CRTVG

A manipulación informativa, a contratación de Isabel Pantoja e o cine en versión orixinal foron os temas que centraron a sesión de control do Parlamento á CRTVG. Alfonso Sánchez Izquierdo, o seu director xeral, escudouse nalgúns momentos da súa intervención na lei da Televisión pública e noutros en "criterios profesionais" para xustficar o que considerou "unha boa xestión".

As preguntas sobre casos de manipulación informativa viñeron da man de Maria Remedios Quintás, do Grupo Parlamentario do PSdeG, e Montse Prado, do Grupo Parlamentario do BNG. A socialista quixo saber sobre o que considera "un diferente trato informativo que se dá, na TVG, ás noticias relativas a persoas imputadas segundo ao partido político que pertenzan". Para Quintás "son os propios profesionais os que se queixan" aínda que deixou claro que a pregunta non é "para cuestionar os profesionais, senón a dirección". Como exemplo do que considerou manipulación expuxo a información sobre a relación entre a trama Gürtel e o caso Bárcenas que saiu de número nove no primeiro telexornal do 7 de marzo "cando abriu as portadas de toda a imprensa, o mesmo aconteceu no segundo cando quedou relegada ao número 14".

O director xeral da CRTV respondeu que "non houbo intención de que non chegara a información á poboación" e considerou que "a CRTVG cumpre coa imparcialidade e a pluralidade". Valorou a posibilidade futura de que se faga "unha ferramenta de valoración como son os Consellos Informativos" e dixo comprender a reflexión do Colexio de Xornalistas sobre este tema, "mais non somos espíritos puros". Ao remate da súa intervención asegurou que hai moitos medios de comunicación en Galiza, polo que "nunha sociedade aberta sería un esforzo estúpido manipular a información".

"Non pode dedicarlle un minuto ás preferentes e dez á investidura do novo Papa", denuncia Montse Prado

Montse Prado, do Grupo Parlamentario do BNG, preguntou sobre a omisión nos informativos da TVG os días 3 e 4 de febreiro e 4 de marzo de 2013 da valoración dos grupos da oposición en Galiza en relación cos datos do paro publicados eses días. "Intenta xustificar o inxustificábel", asegurou a nacionalista, "cada vez que saen os índices de desemprego tentan ocultar a opinión da oposición". Prado expuxo que nos telexornais sempre "sae Madrid e as opinións institucionais" e criticou que a CRTVG decida que información sae e o tempo que se lle dedica. "Non pode dedicarlle un minuto a un tema tan importante como o das preferentes e dez minutos para a investidura do novo Papa". Tamén denunciou que no tratamento da información "fan máis fincapé nos incidentes que nos problemas das persoas". Un dos exemplos que puxo enriba da mesa foi o da manifestación de Monforte en defensa da sanidade pública que reuniu a máis de 10.000 persoas e non tivo cobertura na TVG.

Sánchez Izquierdo tentou xustificarse e asegurou que "son exemplos illados, en todos os espazos informativos respéctase a pluralidade". No caso das informacións sobre os datos do paro asegurou que "sempre se dá prioridade ás opinións das institucións por axilidade informativa, non contamos coas análises políticas por ser previsíbeis e menos significativas". Recoñeceu o acontecido coa manifestación de Monforte e defendeuse asegurando que ese caso "foi un cúmulo de erros e a falta de dilixencia dun profesional"

Pantoja e cine en versión orixinal

A presenza de Isabel Pantoja no programa Luar o pasado 23 de febreiro, cun xuízo visto para sentenza por branqueo de capitais, foi outra das preguntas desta sesión de control do Parlamento. A nacionalista Montse Prado preguntoulle ao director xeral da CRTVG polos criterios de contratación de artistas "sabendo que neste caso é unha persoa procesada por defraudar a Facenda, algo que a TVG ten que ter en conta como televisión pública que lanza unha mensaxe á poboación". Tamén quixo saber sobre o custe desta contratación "para velar para que non se faga mal uso dos fondos públicos".

O director xeral negouse a dicir canto cobrou Pantoja asegurando que foi "o habitual" e defendeu a súa participación en Luar "pola súa presenza continuada neste programa desde 2006". Non quixo valorar a súa situación procesal e limitouse a dicir que "a TVG continuará contratando a xente, evitando prexulgar a presunción de inocencia".

Preguntado pola pouca programación de cine en versión orixinal na TVG, Sánchez Izquierdo dixo que "as experiencias que tivemos non foron moi positivas en audiencia". Comentou o caso dunha das estreas da saga Harry Potter "que tivo menos audiencia da prevista".

Comentarios