DÍA DO INTERNACIONALISMO PROLETARIO

Milleiros de persoas bótanse á rúa na Galiza para exixir ''un traballo e unha vida dignas''

A CIG mobiliza ao redor de 60.000 manifestantes neste 1º de Maio, contra os recortes sociais da dereita española. A concentración máis multitudinaria foi a de Vigo, onde 35.000 traballadoras e traballadores secundaron a protesta da central nacionalista
Imaxes das protestas da CIG na Coruña, Compostela e Vigo
photo_camera Imaxes das protestas da CIG na Coruña, Compostela e Vigo

Por un emprego digno. Non á reforma laboral do PP. Baixo este lema, ao redor de 60.000 persoas en toda Galiza secundaron a chamada para se botaren á rúa feita pola CIG este Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, unha xornada "especialmente reivindicativa" pola situación de crise global e polas políticas emprendidas pola dereita española --en convivencia coa Xunta da Galiza-- de "recortes de dereitos e que van claramente en contra da maioría social". Son as palabras que o secretario xeral do sindicato nacionalista, Suso Seixo, pronunciou poucos minutos antes de emprender a marcha a manifestación da Coruña, en que participou e en que se deron cita unhas 10.000 persoas.

O secretario xeral da CIG valeuse de tan sinalada data na loita polos dereitos da clase traballadora para arremeter contra as medidas postas en marcha polo Goberno de Mariano Rajoy, asegurando que "a experiencia está a demostrar que non serven para saír da crise, máis ben todo o contrario". Cómpre lembrar neste punto que Galiza suma xa 265.600 persoas en situación de desemprego, cifra que acariña os 5 millóns se temos en conta o conxunto do Estado español.

Seixo falou para os Gobernos galego e central, dicíndolles que cómpre desenvolver "políticas que reactiven a economía, máis inversión pública e a mellora dos salarios para que a xente teña capacidade adquisitiva". En definitiva, concluíu, "facer unha política pensando nos intereses da clase traballadora, e non defender a oligarquía que representan a banca e as grandes multinacionais". Na protesta da Coruña participou tamén o candidato do BNG á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera.

35.000 manifestantes en Vigo
Aínda que a protesta central da CIG era a da Coruña, foi a celebrada na cidade olívica a que acaparou un maior número de persoas, situándose nas 35.000, segundo os datos que manexa a organización, o que a converte na máis multitudinaria da historia. Como non podía ser doutro xeito, o responsábel do sindicato nacionalista, Serafín Otero, lamentou os recortes que están a azoutar os dereitos sociais, e fixo especial fincapé en medidas como o abaratamento do despedimento e a merma das condicións laborais, que recaen directamente sobre a clase obreira.

"A partir de agora as mobilizacións teñen que endurecerse moito máis", manifestou Otero, quen sinalou que "xa non queda outro camiño". Nesta liña, lembrou a convocatoria para unha folga xeral feita por este sindicato para a primeira quincena de xuño --folga xeral que tamén reclamaron, a berros, as e os asistentes á manifestación en Compostela ao finalizar a lectura do manifesto--.

O voceiro da CIG en Vigo repasou o calendario de protestas convocadas para os vindeiros días en defensa dunha Sanidade e dunha Educación públicas. De non conseguir que a dereita recúe, Otero considerou que "non teremos máis remedio que iniciar outro tipo de campañas para quitalos do medio".

Compostela: 5.000 persoas enchen Praterías
Na capital do país, ao redor de 5.000 persoas sumáronse á mobilización da CIG neste 1º de Maio en que se conmemoraron os 126 anos da condena á morte de cinco anarquistas en Chicago. Cometeran 'a ousadía' de reclamar unha xornada laboral de oito horas.

"Hoxe, máis dun século despois, o PP coa axuda previa do PSOE no seu Goberno anterior está a acabar con todos os dereitos que os e as traballadoras fomos conquistando, deixando a vida polo medio", berrou unha voz desde o palco da CIG na Praza das Praterías, en Compostela, onde a central nacionalista celebrou "a maior mobilización convocada por nós nun Primeiro de Maio", tal e como valorou Anxo Noceda, secretario comarcal. Foi el o encargado de darlle lectura a un manifesto nun acto que arrincou coa música da Internacional de fondo, puños erguidos, e en que se reprochou á dereita española a posta en marcha de medidas "que van desde unha reforma regresiva até a suba de impostos ou o re-pago sanitario, ademais da asunción da perda de competencias por parte da Xunta de Galiza, que non dubida en deixar a soberanía do pobo nas mans do mellor postor".

Tras manifestar a solidariedade cos pobos "que están a defender a súa soberanía fronte ao imperialismo", desde Cuba a Venezuela, desde Palestina ao Sáhara "e en especial Arxentina", que vén de nacionalizar YPF --"non eran os nosos dereitos os que estaban en xogo, eran os de Repsol", defendeu Noceda--, o voceiro da CIG na manifestación compostelá, quen lembrou o recente despedimento dunha muller embarazada por parte da propia Xunta de Galiza, arrincou un sonoro aplauso nunha Praza ateigada de xente --a protesta foi seguida por ao redor de 5.000 persoas-- cando dixo que "este pobo de serv@s é quen de se erguer contra uns mercados que queren porlle prezo ás nosas vidas e para que non existan nin reis, nin tribunais, nin deus". 

Máis mobilizacións da CIG
Noutras cidades galegas, a central nacionalista congregou tamén milleiros de persoas. As cifras que manexa a organización dan conta de 7.000 manifestantes en Ferrol; 1.500 en Pontevedra, nunha protesta en que participou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez; 800 en Vilagarcía; 1.500 en Lugo; ao redor de 400 entre A Estrada e Ribeira; e 500 en Mondoñedo.

Ás protestas convocadas pola CIG uníronse colectivos como o BNG, Galiza Nova, os Comités, Isca, Causa Galiza ou Ceivar. Esta última colocou unha faixa na compostelá Praza de Galiza en que reclamaba liberdade para os e as presas independentistas. 

Milleiros de persoas tamén con UGT e CC.OO.
Pola súa banda, UGT e Comisiones Obreras mobilizaron tamén milleiros de persoas nesta terza feira en toda Galiza para secundar unhas protestas de rexeitamento das políticas neoliberais que se aplicaron para combater a crise "cuns efectos dramáticos que pasan polo aumento da destrución de emprego, a pobreza e as desigualdades". Nesta liña, os dous sindicatos prometeron protestas permanentes e conflitividade social polos recortes de dereitos.

A reforma foi masivamente rexeitada na folga xeral do pasado 29 de marzo, que tivo un seguimento do 90 por 100 por parte das traballadoras e traballadores galeg@s. "A dimensión da mobilización confirma o apoio á petición de rectificación" que reclaman os sindicatos, e que os gobernos da Xunta e do Estado non están a escoitar. Non se entendería senón a liña escollida polo Executivo español cos orzamentos do 2012, aos que lles hai que sumar un recorte adicional de 10.000 millóns en Sanidade e Educación, "dous dos piares básicos do Estado do benestar", valoraron no seu manifesto UGT e Comisiones.

Comentarios