Lobeira: "Queremos funcionar con máis axilidade, sen endogamias nen burocratismos"

Bieito Lobeira é o novo secretario de organización do BNG. Deputado durante varias lexislaturas no Parlamento galego, moit@s aínda lembran as súas afervoadas intervencións na Cámara e os seus enfrontamentos con personaxes como Gloria Lago. 

Bieito Lobeira nas mobilizacións polo décimo aniversario da catástrofe do Prestige
photo_camera Bieito Lobeira nas mobilizacións polo décimo aniversario da catástrofe do Prestige

Após a súa incorporación á Executiva nacional da organización frontista, Bieito Lobeira (1968) toma o relevo de Montse Prado á fronte dunha responsabilidade que di "non é individual", senón que se insire "no seo dun traballo colectivo". Con el conversamos sobre os retos que marcan esta nova etapa do BNG. 

Asume vostede a secretaría de organización. Como enfronta esta responsabilidade?
Debo dicir que a asumo no seo dun traballo colectivo e, neste senso, non é unha responsabilidade individual. Porén, tentarei cumprir da mellor maneira coa miña parte tendo en conta que as compañeiras e compañeiros quixeron que estivese aí. 

A que responde esta nova fórmula de división de traballo en áreas?
O obxectivo fundamental é incentivar a través das áreas o traballo colectivo de maneira máis efectiva. Hai que engraxar o Bloque para que funcione mellor. A estrutura do Consello nacional e da Executiva procura adaptar o BNG á realidade social para ser unha verdadeira alternativa con capacidade para dar respostas inmediatas aos problemas da xente. 

A estrutura introduce importantes novidades como a supresión da responsabilidade de Finanzas. Asumirá a secretaría de organización esta responsabilidade?
Está incluída na área de organización e estratexia territorial mais, insisto, é un traballo colectivo. 

A Asemblea nacional instou á nova dirección a revitalizar o BNG. Como o farán?
Neste momento un dos problemas da organización está resolto. O BNG saiu da Asemblea nacional máis unido e cohesionado como amosaron os resultados das votacións. Os acordos adoptáronse co respaldo de maiorías moi amplas. Porén, precisamos funcionar con máis axilidade, sen endogamias nin burocratismos. A nova Executiva pateará todo o país, comarca por comarca, localidade por localidade. Aliás, o noso obxectivo é abrir as asembleas locais a simpatizantes. Queremos organizar un exército (ironiza) para sacar adiante o país fronte a esa banda organizada de delincuentes que están a acabar con todo e mudarmos, destarte, o actual estado de cousas. 

"O BNG saiu da Asemblea nacional máis unido e cohesionado como amosaron os resultados das votacións"

A soberanía convértese desde o 17M no eixo central do discurso do BNG, mais hai quen cre que con isto "non vos enterades de nada"...
Galiza, para calquera nacionalista que sexa merecente de o ser, é unha nación humillada, desprezada e anulada ao longo da historia. Neste senso, para  Galiza chegar a ser soberana é unha necesidade sermos libres, poder traballarmos e vivir do noso fronte a ese espolio co que procuran engordar os poderes alleos. Desde o BNG cremos que é preciso rachar coa dependencia para saírmos adiante e, neste sentido, o elemento fundamental é a soberanía nacional. O noso obxectivo é xerarmos un debate pedagóxico co que salientarmos que a solución aos nosos problemas pasa por termos capacidade para decidir por nós propi@s. A crise está poñendo en cuestión todo, até o réxime político xurdido na chamada transición no Estado. Sería insensato que Galiza ficase á marxe do que acontece noutras nacións como Catalunya e Euskadi. Nós temos que situar a Galiza nese debate. 

Apostan tamén pola recuperación da unidade do nacionalismo nun proxecto a construír "paso a paso"....
A unidade do nacionalismo sempre foi vocación das organizacións nacionalistas, mais depende dos ritmos e da vontade de cada unha delas. Desde o BNG apostamos por recuperar esa unidade, mais sempre desde o principio de auto-organización, pois un pobo que aspira a ser libre debe dotarse de organizacións libres. A partir de aí existen distintas fases. Unha primeira, de confluencia nun movemento multicolor --como di Xavier Vence-- que reivindique a soberanía. Outra de unidade electoral e outra organizativa. Mais non hai que pór o carro diante dos bois. Hai que ir explorando todas as fases. 

Coas eleccións europeas en 2014, o BNG matinou xa como concorrerá a estes comicios?
Non, aínda temos abertas varias opcións e será a militancia quen decida. É moi cedo para falarmos disto. 

"O noso obxectivo é xerarmos un debate pedagóxico no que salientarmos que a solución aos nosos problemas pasa por termos capacidade para decidir por nós propi@s"

Hai quen dixo estes días que o BNG tiña por obxectivo rachar con outras coligacións, que opinión lle merece esta aseveración...
O obxectivo do BNG é rachar coa dependencia de Galiza do Estado español e da Unión Europea. A partir diso respectamos a todas as coligacións. No entanto, un país coma o noso precisa de organizacións e plataformas electorais propias. Isto é o que pensou sempre o BNG; non é nada novo. Non queremos rachar con ningunha organización senón coa dependencia de Galiza. 

Vostede como deputado levou a Feijóo no Parlamento un euro, un xurelo... que lle levaría ao escano para denunciar o acontecido co calote das preferentes?
Eu fixen aquilo para evidenciar un problema na Cámara. O xurelo fora cando se fixaran as cotas de captura deste peixe nas rías galegas. Quería pór en evidencia a sen razón de non podermos vivir do noso. O do euro... en realidade foran uns céntimos (ri). Arreboleillos cando privatizaron salvamento marítimo. É difícil saber o que lle podería levar agora. O que é certo é que as persoas estafadas coas preferentes xa non precisan ser evidenciadas no Parlamento pois o seu nivel de organización e mobilización é moi importante. Creo que asemade gozan de moita paciencia habida conta de que a Xunta está arroupando o ladrón. Por iso che dicía, son unha mafia! Neste contexto Feijóo tería que demitir se lle doese a situación. Non entendo como se pode falar tanto de Chipre se aquí temos algo peor. Neste senso, nós temos que ser unha das voces d@s afectad@s por esta fraude e así o estamos a facer defendendo e solidarizándonos coas plataformas fronte a uns gobernos que lle roubaron aos pobres para lle dar aos ricos.  

Comentarios