La Voz de Galicia reproduce nas súas edicións dixital e en papel o poema inédito de Rosalía de Castro que Sermos Galiza publicou en exclusiva no seu semanario nº44. Tanto a información como a descuberta que fixo SG van asinadas por Francisco Rodríguez, mais o xornal coruñés evita dunha banda citar a fonte da súa información e, da outra, explicar quen é Rodríguez.
Polo común do nome e do apelido, ben podería ser un estudante de calquera instituto da Galiza, mais é o autor da primeira tese de doutoramento sobre a poeta que foi lida nunha universidade galega; ten escrito varios libros ao redor da súa obra, o último 'Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria'. Porén, La Voz omite esta información e censura que foi o semanario Sermos Galiza quen tirou do prelo os versos. Non conforme, reprodúceos na súa integridade nunha noticia que pendurou na rede (como información relacionada da que reproducimos na imaxe capturada da web) e que publicou tamén en papel.
Foron moitos os xornais que se fixeron eco nas súas edicións dixitais do significativo inédito rosaliano a través dun teletipo enviado pola axencia de noticias EFE onde si se lle atribúe a descuberta a este xornal e non se reproduce o poema. Non o fixo nin El País, nin El Mundo, nin ABC nin a propia EFE. Só La Voz de Galicia nunha información cuxa redacción, para quen non coñeza a realidade de como foi obtida, fai pensar que foi este xornal quen achou o poema, seguindo o rastro do teletipo emitido pola citada axencia de noticias.