"Non é digno para presidir @s galeg@s". Recollida de sinaturas nas redes pedindo a demisión de Feijóo

As fotos do presidente da Xunta con Marcial Dorado indignan a unha gran parte da cidadanía galega. En Change.org vén de se abrir unha recollida de sinaturas para pedir a Núñez Feijóo que demita. “Porque non é digno para presidir o goberno de todos e todas as galegas”

Abriuse a primeira hora da mañá e está a recibir ducias de sinatura por minuto. Manuel Dios creou en Change.org a petición de demisión de Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galiza, un cargo para o que queda invalidado ante a cidadanía, sosteñen os impulsores, após as súas fotografías cun capo do narcotráfico.

“Porque non é digno para presidir o goberno de todas e todos os galegos, porque non é cribel nas súas explicacións en relación coas fotos co capo galego Marcial Dorado, condenado a 14 anos de cadea por narcotráfico”. Así comeza a petición.

Na mesma pregúntanse como un alto cargo de Sanidade na década dos 9 0podía ter o descoñecemento de que a droga estaba a borrar do mapa a toda unha xeración en comarcas como as da Ría de Arousa por mor da droga e consecuencias (como a Sida).

Feijóo de vacacións con Dorado mentres milleiros de persoas se manifestaban contra os narcos en Vilagarcía ou Vigo

E lémbralle a Feijóo que cando el tiña amizade e pasaba as vacacións con Marcial Dorado, miles de persoas convocadas polas nais de Erguete, de Esperta Cambados, e de tantas outras entidades, maioritariamente de nais desesperadas, convocaron unha gran manifestación en Vilagarcía e logo en Vigo, reclamando, entre outras cousas, o isolamento social dos narcos, para evitar a súa impunidade e ostentación públicas, tan habitual daquela, especialmente en Arousa”.

“Porque Galicia non merece un Presidente que, nos anos '90, buscou a amizade dun capo, viaxou con el, paseou no seu barco, visitou a súa mansión na Illa, propiedades imposibles de gañar honradamente”.

Comentarios