'Galiza, rock distinto', talento a esgalla no novo A Fondo

Superando todas as barreiras impostas polo dominio cultural, o rock galego teima nunha talentosa exhibición que xa abrangue décadas e que, desde unha excepcional pluralidade estilística, continúa a tender pontes sociais -e de rebeldía- dende a modernidade e sen perder de vista a tradición, cunha lingua como escenario. 

Todos estes temas trátanse en “Galiza, Rock Distinto”, o título que encadra o caderno especial A Fondo que publica esta semana o semanario Sermos Galiza, xa á venta nos quiosques e na nosa loxa.

Coordinado polo xornalista Rodri Suárez, que asina o artigo inicial, o A Fondo inclúe na súa terceira páxina un artigo de desmitificación sobre as relacións entre rock e literatura a cargo de Samuel Solleiro, escritor e membro de Ataque Escampe, e unha entrevista coa rapeira viguesa Aid, que está a protagonizar un suceso mundial coa súa canción 'Apréndeo', enésima proba de que o galego non pecha portas. 

As páxinas centrais son para unha ampla conversa entre dous referentes xeracionais do rock galego como son Xurxo Souto e María Xosé Silvar, Sés, que reflexionan sobre múltiples ideas -falsas e reais- que atinxen o noso rock'n'roll. 

AFONDO propón unha escolma dos 25 discos imprescindíbeis do rock galego, con 10 bonus track

Un artigo de Antón Díaz -de Os Papaqueixos e Ultraqans- profunda na actitude punk que xa estaba presente na cultura popular do país, mentres que Xosé Bocixa -dos incombustíbeis Zënzar- dirixe a súa mirada aos obstáculos que ten que superar o noso rock a pesar da súa calidade e Martin Wu (Grampoder, The Homens) aposta no seu texto pola creacións de redes propias e unha diversidade xa vixente. 

A contracapa do A Fondo deste último número do semanario Sermos Galiza péchase cunha listaxe seleccionada por Rodri Suárez cos “vintecinco discos imprescindíbeis do rock galego” -e dez bonus-track- que serve como demostración do enorme nivel musical acadado no país e tamén da súa riqueza de discurso. 

Comentarios