'Galiza pecha por liquidación' no nº43 do Sermos Galiza

Empresas de capital galego con cota de mercado mercadas con capital foráneo poñen nome ao proceso de desgaleguización empresarial no país. Entrementres, Feijóo viaxa a Mexico e promete capital azteca para os estaleiros galegos

Este Sermos Galiza trae unha análise en profundidade arredor da compra do tecido industrial galego por parte de capital foráneo. Á longa listaxe de entidades adquiridas por grupos ou compañías estranxeiras vén de se sumar o Banco Gallego que esta semana foi comprado polo Sabadell a prezo de saldo. Un euro. Enerxía, conserva, transporte... non hai sector onde Galiza non perdese empresas propias malia posuíren unha importante cota de mercado. 

Nas páxinas de social abordamos as consecuencias dos duros recortes do PP nas organizacións que traballan con persoas drogodependentes. Os orzamentos da Xunta de Galiza recollían duros recortes antes de se coñeceren as fotografías de Alberto Núñez Feijóo e Marcial Dorado, condenando á desaparición aos grupos de loita contra a SIDA. 

Aliás, falamos da redución de horas lectivas de filosofía na reforma educativa promovida polo Partido Popular. Un síntoma do modelo educativo que se persegue en que non se forman persoas senón súbdit@s sen conciencia crítica. Desde a comunidade educativa advirten, estanse a formar "recursos humanos" que nin entendan nin pregunten. 

Fronte a isto, achegamos unha outra realidade que racha coa tendenza habitual. Abordamos a Xabier Vence nas aulas. O portavoz nacional do BNG fálanos da súa vocación pedagóxica e dalgúns dos motivos que o levaron a mantérense na Universidade como "fonte constante de transmisión de ideas e das preocupacións da sociedade". 

En Internacional botamos a ollada aos acontecementos ocorridos após o triunfo do movemento bolivariano nas eleccións presidencias en Venezuela. A estratexia dos EUA e os seus adláteres cando se negan a recoñecer o goberno de Nicolás Maduro. 

E en Cultura, falamos coas voces subversivas da literatura galega. Autor@s que reaxen á normativa oficial e pasan a súa obra ao 'nh'. 

Todos estes contidos e moitos máis, coma cada sexta, só en papel.

Comentarios