Afiliad@s da CIG inician unha folga de fame en solidariedade cos compañeiros recentemente condenados a prisión

Desde esta sexta e até o vindeiro 14 de decembro, e en quendas de dous días, ducias de afiliad@s da CIG tomarán parte nunha folga de fame para amosaren o seu apoio aos tres sindicalistas condeados a tres anos e 1 día de prisión por participaren na folga do comercio e alimentación de 2009. O secretario xeral da central, Suso Seixo, iniciará esta medida de protesta xunto con Marcos Cadórniga, un dos sindicalistas condenados. Aliás, o 15 de decembro haberá unha manifestación nacional en Pontevedra para denunciar a criminalización e represión da actividade sindical
cig

 

 Haberá ampliación

Pola volta de medio cento de persoas participarán de xeito rotatorio desde esta sexta e até o vindeiro 14 de decembro na folga de fame que a CIG vén de impulsar en apoio e solidariedade cos tres sindicalistas (Marcos Cadórniga e Carlos Alján, da CIG, e Carlos Búa, de CCOO) condenados a tres anos e un día de cárcere cada un por tomar parte na folga de alimentación e comercio de Pontevedra en 2009. Desde esta sexta e até o 14 realizaranse quendas de dous días, coa participación de dúas persoas en cada quenda, número que se ampliará a tres perante a gran demanda de persoas que queren tomar parte nesta protesta simbólica contra a criminalización e represión sindical.

Nos últimos meses sucedéronse sentenzas con fortes condenas contra sindicalistas, nomeadamente da CIG

A primeira quenda será realizada, fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra, polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e Marcos Cadórniga, un dos sindicalistas condeados. Na segunda, tomarán parte o secretario comarcal da central nacionalista en Pontevedra, Rafael Iglesias, e Carlos Alján, outro dos condeados. E así, sucesivamente, iranse realizando as quendas. A partir da vindeira segunda feira, día 26, sumaranse a esta folga de fame afiliad@s de CCOO. UGT analizará na súa comisión se tamén dá o paso de adherirse á esta folga.

A partir da vindeira segunda feira, día 26, sumaranse a esta folga de fame afiliad@s de CCOO

Concentracións e manifestación

Mais a folga de fame non é o único acto que se vai desenvolver nestas semanas en apoio aos sindicalistas condenados e como denuncia da situación de criminalización e represión do movemento social que se está a dar en paralelo ao aumento do malestar social e das protestas cidadás pola crise. Así, o vindeiro 4 de decembro realizaranse concentracións perante os xulgados das sete principais cidades galegas.

E o 15 de decembro, e como remate da folga de fame, Pontevedra acollerá unha manifestación nacional en apoio aos sindicalistas represaliados e para evidenciar o rexeitamento sindical a un escenario de recortes e ataques aos dereitos e liberdades sindicais.

Cadórniga, Aljan e Búa: impedir a loita sindical en tempos de amplo malestar social

O Xulgado do Penal nº 1 de Pontevedra fixo pública a principios de xullo a sentenza pola cal se condenaba a tres anos e un día de prisión a Marcos Cadórniga, liberado sindical de CIG-Servizos, Carlos Alján, delegado da central sindical nacionalista en Froiz e o sindicalista de CCOO Carlos Búa, pola súa particiación na folga de comercio de alimentación en 2009. Unha sentenza que a executiva da central nacionalista xa avaliara entón como absolutamente desmedida e que entendía que tiña como obxectivo criminalizar o sindicalismo e limitar a súa capacidade de actuación na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores.

Comentarios