"Feijóo fuxiu do Parlamento como un can cando rouba algo e non quere que ninguén o vexa''

Antonio Sánchez é o home da camisa a cadros que ocupou esta quinta feira as primeiras páxinas dos xornais galegos con edición en papel. Entrou no Parlamento disposto a escoitar a interpelación a Feijóo sobre a estafa das preferentes, e acaboulle botando en cara que non defendese @s afectad@s. Porén, o presidente do goberno galego non o escoitou. Entrou, premeu o botón das votacións e abandonou o asento. Cando regresou, Sánchez e o resto de manifestantes xa foran expulsad@s 

photo_camera Antonio Sánchez [Imaxe: SG]


Antonio Sánchez Monteagudo é o home da camisa a cadros que ocupou esta quinta feira as primeiras páxinas dos xornais galegos con edición en papel. Entrou no Parlamento disposto a escoitar a interpelación a Feijóo sobre a estafa das preferentes, e acaboulle botando en cara que non defendese @s afectad@s.

El non ten participacións "porque non tiña cartos para investir". Porén, quen si as ten, a súa parella L.S., non quere que a entrevistemos. Antonio explica os motivos: "dixéronnos que van buscar os papeis dos que protestamos para que non vaiamos á arbitraxe". Atopámolo na súa casa no barrio compostelán do Castiñeiriño. Malia ás ameazas, di estar disposto "a-to-do, e que cadaquén o interprete como queira".

Pregunta: Como souberon das participacións preferentes?

Resposta: Eu non son afectado, mais acompaño a miña muller. Tiña un diñeiro, unha cantidade pequena que recibiu dunha herdanza da súa nai, e meteuno nas preferentes. E nós non levamos os cartos a ningún sitio. Viñéronnolos buscar á casa! Desde Fene até Santiago. Aquí chegou o director do banco coa irmá da miña nora, que acababa de empezar a traballar en Novagalicia Banco e que tamén foi enganada. Dixéronlle que se vendía este produto recibiría unha compensación económica.

"Dixéronnos que o único risco era que se o banco non daba beneficios deixariamos de cobrar os intereses"

Ela sabía que cobraramos esa herdanza. Preguntámoslle que riscos tiña, e dixo que o único risco era que se o banco non daba beneficios deixariamos de cobrar os intereses mais que, no prazo de dous días como máximo, se queriamos quitar o investido estaría de volta na nosa conta. Ou que podiamos vendelas. A miña muller mercoulle as participacións a súa irmá, que tiña investidos 6 mil euros e cumpríanlle con urxencia. E disto non hai tanto! Mais agora se a miña muller quere venderllas a outro non hai quen llas compre.
 

Estafad@s polo seu banco de confianza

P:
Entendo que non leron o contrato nin @s informaron de que o diñeiro ficaría a prazo fixo até 2999.

"Só véndonos as caras xa saben se somos aforradores ou investidores, e temos un perfil de investidores de carallo"

R: Mandárona a ela porque confiabamos nela. Non lemos nada! A letra pequena estamos a lela agora. Quen mete os cartos aí se sabe que non vai poder facer nada con eles até o 31 de decembro de 2999? Nós, que somos da aldea, non o lemos, mais hai outros que son médicos, ou avogados, xente da propia banca... que tampouco o leron. Cando nos vexan nas manifestacións que nos miren o perfil. Só véndonos as caras xa saben se somos aforradores ou investidores, e temos un perfil de investidores de carallo.

P: Cando se decataron dos problemas que había coas preferentes?

"Nós non levamos os cartos a ningún sitio. Viñéronnolos buscar á casa! Desde Fene até Santiago"

R: En xuño do ano pasado, que chamaron do banco dixeron que non podiamos cobrar os intereses. Que as cousas estaban a ir mal e que non sabía até cando duraría a situación, mais que posibelmente en setembro nos pagasen xa outra vez. Até daquela cobraba cada tres meses, e desde aquela xa non vin un can.
 

O presidente que preme o botón e marcha

P:
Como lles sentou a actitude de Feijóo no Parlamento, abandonando o seu asento despois de votar?

R: Eu non tiña pensado armar barullo ningún. Fun como un máis, acompañando a miña muller e o resto de compañeiros. O que me indignou foi xustamente iso que dis, que o señor Feijóo só estivese presente para votar. Cando se ergueu a voceira do PSOE, que ía falar das preferentes, marchou como se fose un covarde, un can que cando rouba algo foxe agochado para que ninguén o vexa. Que dea a cara, que é el o máximo responsábel. Din por aí que anda a facer méritos para marchar a Madrid, que marche canto antes porque para os galegos é unha lacra. Antes das eleccións veunos pedir o voto. Dixo que nos ía defender, que habería arbitraxe para todos, que nos devolverían os cartos...

"Démoslle o voto porque dixo que habería arbitraxe para todos e fiámonos da súa palabra. Agora está claro: deunos as costas"

P: [interrompo] Deulle o voto?

R: Dei. Démosllo moitos porque nos fiamos da súa palabra. Agora está claro: deunos as costas. Pedímoslle unha reunión o 2 de agosto e aínda non nola deu. Se quere ir para Madrid págolle eu a viaxe, en burro. Feijóo é moi bo orador, mais non nos defende. E sempre ameazando coa policía. Onte [en referencia a esta cuarta feira, 19 de decembro] reseñáronnos cando saimos do Parlamento. No cara a cara que tivo na TVG con [Francisco] Jorquera, cando lle preguntou polas preferentes e que pensaba facer, díxolle que o estaba a infectar con ese tema. 

P: Iso foi antes das eleccións.

R: Si. Xa daquela non quixo saber nada. Non soubemos velo.

P: E como lle sentan as xubilacións millonarias...

R: [interrompe] Iso é o que eles non ven! Como é posíbel que coa que está a caer haxa un señor [en referencia a Julio Fernández Gayoso] que marcha cunha xubilación de 600 mil euros?
 

Perder o 40% dos aforros e o outro 60% tamén para o banco

P:
Convenceun@s a vía da arbitraxe cando llela ofreceu a Xunta?

R: Ti vas a Consumo e xa cho din claro: antes das eleccións entraban 20 casos ao día para arbitraxe; hoxe entran catro. Isto é unha pataca quente que se lanzan de Consumo ao banco e do banco á Xunta. Aínda nos dixo no Parlamento o conselleiro de Facenda que cobraron xa unhas 11 mil persoas. E o resto que?

"Que o teñan claro: isto non fixo máis que empezar. Non pedimos cartos dos bancos nin de ninguén, só o 100% do que é noso"

P: Para o resto unha quita do 40% e accionistas á forza dunha entidade que vale -3.91 millóns, dixo o ministro De Guindos.

R: Iso non vale para nada! Esas accións nin sequera cotizan en Bolsa. Non quero ser accionista! O banco escólloo eu. É verdade que non lemos o contrato, e estamos a pagar as consecuencias, mais tampouco houbo ninguén nin na Xunta nin no goberno central que fixese un seguimento do que nos estaban vendendo. Á conta de quen son as ganancias dos bancos? Dos aforradores, dos obreiros. E esas ameazas de que nos van quitar da arbitraxe? Non estamos na arbitraxe! E imos seguir protestando. Que o teñan claro: isto non fixo máis que empezar.

P: Canto tempo están dispost@s a esperar polos seus aforros?

R: Toda a vida. Vou loitar até onde me dean as forzas e coas armas que teña que empregar. Non pedimos cartos dos bancos nin de ninguén, só o 100% do que é noso.

Comentarios