"Cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e entón entramos no terreno das cloacas", di Ferrín

A tensión non decrece na RAG. Ante o aparecimento na imprensa da orde do día do Pleno que a institución vai realizar esta cuarta feira. Ferrín díxolle hoxe á imprensa: "Cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e entón entramos no terreo das cloacas".

"Cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e entón entramos no terreo das cloacas", afirmou Ferrín na comparecencia de imprensa en que anunciou a formulación do recurso de casación perante o Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre o decreto do plurilingüísmo. Pronunciouse nestes termos ao ser interpelado por un xornalista polo desenvolvimento do pleno que se realizará esta cuarta feira. "E non sei por que ti coñeces a orde do día", espetoulle o demisionario presidente ao xornalista, unha frase retórica e coa resposta ben clara. Coñécea como toda a opinión pública galega porque foi filtrada.

Ferrín aludía así ao aparecimento na Voz de Galicia dunha información en que se daba conta da orde do día do Pleno que se irá realizar esta cuarta feira. Na sesión plenaria tomarase coñecimento da renuncia do presidente demisionario, ben como se abordará o estado das contas da institución e a política de contratacións da institución -que tivo en nómina familiares directos do presidente demisionario e do secretario, asuntos moi cuestionados por un sector de académic@s.

As declaracións de Ferrín evidencian que o conflito interno non amaina.

Comentarios