As rebaixas comezan cunha folga no comercio vario da provincia da Coruña

O comercio vario da Coruña irá á folga o vindeiro 1 de xullo. Os estabelecementos do téxtil, comercio metal e construción, ópticas e outras tendas como as da cadea Inditex ou Cortefiel están chamadas a unha xornada de paro o primeiro día das rebaixas do verán contra o bloqueo de convenio colectivo provincial. 

Comercios galegos
photo_camera Comercios galegos

Logo de que o convenio caducara hai un ano, a súa negociación está en punto morto desde hai varios meses a consecuencia das pretensións da patronal, segundo denunciaron as centrais sindicais. As propostas do empresariado suporían a redución nun 10% dos salarios, a supresión da paga extraordinaria de marzo, a desaparición das categorías e a mobilidade absoluta do persoal, o desprazamento obrigatorio nun radio de 50 km, a eliminación dos calendarios de traballo anuais, o estabelecemento dun 15% de xornada non regulada ao ano ou a diminución da porcentaxe mínima de persoal indefinido.
Medidas que constitúen un “recorte brutal das condicións salariais e laborais” dun sector que xa parte dunha situación de marcada precariedade. Así o denunciou o responsábel de comercio de CIG-Servizos Roberto Pérez, quen lembraba que por mor da demora nas negociacións o persoal do grupo Inditex viu conxeladas as súas remuneracións durante todo o 2012 “a pesar dos enormes beneficios que obtivo a empresa”. Aliás, a limitación da ultraactividade ameaza con deixar sen vixencia este convenio en poucas semanas.

Comentarios