“Arbitraxe? O que queremos son os nosos cartos”

Case 10.000 persoas con 10.000 historias percorreron as rúas de Compostela para denunciaren unha vez máis a estafa das preferentes. "Arbitraxe? Que é iso? Nós queremos os nosos cartos", dicían co temor de seren vítimas, unha vez máis, doutro calote amparado polos mesmos culpábeis da súa ruína.

 
O único que impide escoitar as súas historias particulares é o enxordecedor ruído que atrona toda a manifestación. Veñen preparados para a protesta. A maior parte levan chifres, tambores ou tixolas. A nada que nos acheguemos comprobamos que maiormente traen tapóns nos oídos. Queren montar barullo e afixéronse a traer todo o equipo para as súas protestas: camisetas estampadas con frases denuncia, material de son, pancartas e cartaces con variedade inmensa de lendas e debuxos e mesmo cascos de traballo para soportar o inmenso balbordo.

Desde a Ferradura, onde ten a saída a manifestación ás 11 da mañá deste sábado 21 de xullo, até a Quintana na que remata, é fácil falar con calquera das persoas afectadas. Ninguén nega contar a súa historia. Ben ao contrario, mesmo se achegan a dar testemuña do roubo. Non é difícil, non, que conten o seu caso. Tampouco que se emocionen ao facelo.

Élida de Santiago meteu cartos en preferentes no ano 2003. Eran 90.000€ que o seu home e mais ela conseguiran despois de quince anos de emigración en Alemaña. Todo o que tiñan. Aseguráronlles, como a todas as persoas timadas, que podían sacar o diñeiro cando quixeran. En corenta e oito horas. "Fixéronllo a xente aforradora coma nós. Eu fun á escola catro anos, non sei nada de economía" comenta, pero, deseguido, debulla datos de intereses e das condicións dos bancos. Aprendeuno despois, a forza de loitar por conseguir o que é dela. "Se agora sei disto, teño os cartos debaixo dunha pedra. Precisaban diñeiro para recapitalizarse e colleron o noso", acusa, mentres di que nin unha peza de roupa puido mercar nos últimos anos. Viven da pensión do home.

Eran 90.000€ que o seu home e mais ela conseguiran despois de quince anos de emigración en Alemaña. 


Pouco máis adiante, as camisetas vermellas distinguen ao grupo do Salnés. José Luis Villar reclama atención e posa coa súa pancarta feita á man. "Nós somos pequenos aforradores, non investidores", lese nela. Canda el, vai a súa muller, Dolores Coira, que explica que os seus ladróns son os do Banco Bilbao Vizcaya. "Puxemos os cartos porque nos dixeron que non tiñan risco, pero non é así. Perdemos xa 7.500 e non podemos sacar nada", conta esta parella que pasou boa parte da súa vida laboral en Francia e Alemaña e criaron xuntos cinco fillos. Teñen previsto pedir arbitraxe? "Arbitraxe? Que é arbitraxe? O que é isto é un roubo. Aínda metemos un pequeno aforro no 2011 e non nos dixeron nada?. Dolores tivo que tomar pastillas para durmir despois de se decatar da estafa, e agora camiña da man de seu home en todas as manifestacións que se convocan. Contan seguir así até a fin. Como Élida, José Luís e Dolores, son moitos os emigrantes retornados que perderon todos os seus aforros polo engano dos bancos.

Non ben rematamos de falar con Dolores e José Luís e chama por nós Carmen Rey, de Boiro. Quere falar de seu avó, de 89 anos, enfermo terminal, e a súa avoa de 84, con parkinson e mobilidade reducida. Está aquí por eles. "Dixéronlles que metían os cartos en prazo fixo por tres anos e resulta que eran a perpetuidade. Nunca pensaron que os enganasen" explica Carmen. "Non nos interesa a arbitraxe. Imos loitar ata o final. Meu avó foi emigrante en Holanda e tamén estivo no mar e non ten estudos", denuncia a neta, con xenreira polo timo que padecen os seus avós no seu último tempo.

A economía ten corpo e a dor pálpase a flor de pel. Carmen Piñeiro lévanos a unha beirarrúa para poder contar a súa historia sen que os pitidos o impidan. Ten corenta e tres anos e forma núcleo familiar coa súa filla de dous. Tiña cartos a prazo fixo e dixéronlle que tiña que pasalos a subordinados. Un bo día comunicáronlle na súa oficina de Caixanova en Tui que pola fusión das caixas tiñan que eliminar o contrato. Rachárono diante dela. Non soubo máis. Cando quixo mercar unha leira para facer unha casa para ela e mais a súa filla atopouse con que non podería retiralos ate o 9.999. Agora está no paro e ten baixo a chave do banco 90.000 € que lle darían a vida. Seu pai reclama 70.000 e a súa irmá 30.000. "Quedamos sen nada e vou loitar até conseguir o que é noso", dinos Carmen antes de comezar a chorar e preguntarse: "Alguén metería sabendo os cartos ate o 9.999? Vou continuar porque non me queda nada". Rexeita a arbitraxe porque entende que ela quedaría fóra da solución. Ten previsto iniciar accións xudiciais. Di que prefire darlle os cartos a un avogado a que queden con eles os mesmos que llos roubaron.

"Alguén metería sabendo os cartos ate o 9.999?"

Con camiseta branca veñen os de Arousa. Nas costas unha nova lenda: "A estafa das preferentes. Tanto aforrar para nada ter!". José Hermo, navegante xubilado, camiña canda eles. Vén da Pobra e hai sete anos meteu os seus aforros na Caixa Catalana. Dixéronlle que podía dispoñer deles sempre que quixese en corena e oito horas. El e a súa muller foron á Coruña, a Vigo e agora están en Compostela. E seguirán o tempo que faga falta, facendo forza con todos e todas, a única maneira que ven para gañar a batalla.


"Como tiña catro cadelas, a directora convenceume de que as cambiase da conta. Eran 24.000. Cando quixen sacalos dixéronme que non podía e ofrecéronme un crédito. Tiña que pagar un crédito cando eles tiñan os meus aforros! Sentinme timada e o que máis me doe é que é a herdanza dos meus pais, que tanto lles custou gañar" laméntase Rosa, do Rosal, coa camiseta laranxa que hoxe traen os do Baixo Miño.


Ao pai de Xavier, de Lugo, quitáronlle en preferentes un terzo dos seus aforros. Ten 83 anos e case non ve. "Intentou sacalos hai dous anos e dixéronlle que non podía. Queremos o reintegro íntegro, de todos e todas as afectadas; a arbitraxe é un amaño que non aceptaremos", afirma no medio do grupo da súa comarca, no que, como en todas, son moitos os emigrantes que perderon todo o gañado lonxe da terra.


Denunciado polos que rouban


Poucos pasos máis adiante José Abal leva unha camiseta con papeis pegados e un gran texto de denuncia. "Estamos fartos", di unha das súas frases. Na man, unha tixola vermella e un pau para meter ruído. "Metín nas subordinadas. Dixéronme que era a prazo fixo e que podía sacar cando quixese. Alá foron 18.000 euros. Todo o que tiña de traballar no mar". José Abal vén de Moaña e o 18 de setembro terá que declarar canda nove persoas máis acusado de "ameazar aos da Caixa. O único que queren é dividirnos. Ao contrario do que din, mesmo tiven que apazugar algún vello que se puña nervioso", explica. Conta con rabia o caso dunha muller maior que foi pedir 7.000 € dos seus cartos e saíu, sen sabelo, cun crédito persoal asinado. Agora quédanlle ao mes con 30€ de intereses e terá que devolver o préstamo íntegro en 2019.


Detrás da pancarta de Ferrol vai Luís, de Cangas. "Que máis ten. Todos estamos ao mesmo" comenta. Ten setenta anos e todos os seus aforros en preferentes. Os últimos, depositados hai ben pouco: 12.000€ en agosto de 2010. "Sen que me dixesen nada de nada. Cando os necesitei decateime do problema. Quen pon os cartos a perpetuidade coa miña idade", pregúntase. "Fun percebeiro coas ondas do mar e agora vou a cada unha das manifestacións. Feijóo é quen ten que amañar isto porque foi el o que o provocou", denuncia.


Na Quintana a calor é abafante. Desde o altofalante piden que se reserve a escasa zona de sombra para a xente maior. Son moitos. Poucas manifestacións camiñaron por Compostela con persoas de tanta idade. A media non debe baixar dos sesenta anos. Son os estafados preferentes. No altofalante, os que toman a palabra son homes e mulleres con historias particulares. Pero piden solucións para todos e todas. Sábese que arredor de 46.000 son os afectados por NovaGalicia Banco, pero Xesús, de Santiago, alerta de que hai moitos máis que nin saben que teñen os seus cartos nas preferentes. "A estafa é masiva e moitos aínda non o saben", sinala. Falan de todas as comarcas e Matilde pide o micro desesperada. Fala da dura situación na que o calote a deixou a ela e a súa nai de 94 anos. Toda a Quintana a entende. Xuntos no medio da praza está o nutrido grupo de representantes do BNG, a comezar polo candidato a Xunta, Francisco Jorquera pero tamén as deputadas e deputados Carlos Aymerich, Ana Ponton, Bieito Lobeira e Ana Luísa Bouza e diversos representantes municipais, que estaban por toa a manifestación canda viciños e viciñas das súas comarcas. 

A media non debe baixar dos sesenta anos. Son os estafados preferentes. 


No remate, nas escaleiras, persoas afectadas fan un mosaico con letras. "Plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas. Os galegos non imos calar ata os nosos cartos recuperar". Danlle a volta aos cartaces con letras individuais e aparecen os conceptos. Na liña superior , "disgustados", "deprimidos", "enganados"... e nas escadas de abaixo o ton vai cambiando e a protesta colle forza "ilusión", "franqueza", "alerta", "entusiasmo". Porque saben que precisan esa forza para lle dar volta ás súas historias.

Comentarios