“Andámonos con historias”, unha viaxe con estacións conducida por Lois Blanco e Pol Oñate

Historias e música. Con eses dous elementos artéllase o espectáculo “Andámonos con historias” que sobe ao escenario por vez primeira a Lois Blanco e Pol Oñate. Unha viaxe na que cada historia é unha estación na que se deter.

A idea leva tempo de levedo. As cinco historias que agora presentan ao vivo veñen fermentando máis do que estaba previsto. Tanto Lois Blanco coma Pol Oñate querían que estiveran no punto, no momento mesmo que fixera especial o momento de poñerse diante do público para compartilas. Lois Blanco é galego e por vez primeira afronta un proxecto desta dimensión. Pol Oñate é de Terrasa e estudou piano en Barcelona e Brasil. Xuntos elaboraron “Andámonos con historias” nun proceso que respondía aos seus propios perfis. Lois escribiu cinco historias ás que Pol lle puxo música e Pol compuxo cinco temas aos que Lois engadiu os relatos.


Viaxe de amizade

“Este espectáculo é unha viaxe de dous amigos. Fun a Terrasa e Pol veu aquí e cruzamos a Península nunha viaxe conxunta e de aí sae tamén o espírito do espectáculo” explica Lois Blanco quen destaca a condición de “creación propia”, tanto na ficción como na realidade que recollen as súas historias. “Convidamos ao público a que comparta con nós esa viaxe e cada historia é unha estación, cada unha diferente e de aí vén o de andámonos” comenta Lois Blanco, a un día da estrea no Ultramarinos de Compostela.

Relatos con distintas cores

Un abano amplo de rexistros e cores atoparanse na noite de historias de Lois e Pol. A pouco da estrea comparten o estado de espera. “Teño a sensación dun parto, como se o proxecto che dera unha patada. Aparece en cada momento como se dixera, estou aquí e vou saír. É imposíbel librarse desa presenza continua” relata Blanco dos nervios previos á estrea que, desta volta, son tamén da súa aposta por se poñer diante do público, aínda que no horizonte teña a súa vontade de se dirixir á escrita e a dirección de espectáculos.

Con “normalidade” leva Lois ser fillo de Carlos Blanco, todo un mestre á hora de contar historias. “Dalgunha maneira, estou neste mundo desde neno e iso ten elementos positivos e outros non tanto. Por unha parte, ábreche a este mundo e pola outra méteche grande responsabilidade” comenta, sabedor de que entre o público no día da estrea estará un home que vén de encher en catro sesións consecutivas o Teatro Colón cun público que esgotou as entradas para velo contar historias.

“Andámonos con historias” ten por diante unha xira en pequeno formato mais os seus protagonistas ambicionan tamén o espazo do teatro para que o espectáculo tome a dimensión para a que eles o crearon. A estrea será este xoves no Ultramarinos en Compostela ás 22.30. En Vigo estará o día 4 de abril no Tempo, en Navia, o 5 no Vento do Sul en Ourense e o 7 na Tuerca da Coruña. Para maio teñen previsto levar o espectáculo o día 10 a Ogrobe e o día 11 na Illa de Arousa.