"A UE escoitou do sector do mar o que nunca escoitara da man da Xunta ou goberno central"

O BNG valora "moi positivamente" os resultados da xuntanza en Bruxelas de representantes do sector do mar da Galiza coa comisaria de Pesca da UE

Ana Miranda e Bieito Lobeira compareceron para valorar a recente reunión mantida en Bruxelas entre a comisaria de Pesca da UE, Maria Damanaki, e unha ampla delegación de representantes dos sectores do mar da Galiza, desde o bateeiro ao marisqueiro ou de baixura, unha reunión que se produciu grazas á xestións do BNG.

Para o parlamentario Lobeira, nese encontro "Damanaki escoitou o que nunca escoitara da man do goberno da Xunta nin do goberno Central e recoñeceu que recibía información parcial e inexacta do goberno español”. O que xa en si, salienta, é un importante paso adiante. "

O deputado nacionalista entende que “saímos coa convicción de que esta reunión foi un primeiro paso indispensábel para seguir concienciando á Unión Europea de que o trato que lle da a Galiza en materia de pesca a marisqueo é inxusto”. Neste sentido, subliñou que “fomos a Bruxelas non a pedir caridade nin subsidios senón a esixir o noso dereito a poder vivir dignamente do noso traballo do mar”.

Potencia pesqueira

 Pola súa parte, a eurodeputada Ana Miranda salientou que “foi unha interlocución directa, clara, facendo o que tiña que facer o Goberno Galego, nun momento clave para o futuro da nosa pesca como é o da reforma da Política Común de Pesca”.

Neste sentido, puxo de manifesto que “por primeira vez tiveron unha interlocución directa ao máximo nivel coa Comisaria de Pesca para abordar as súas demandas ante a reforma da Política Común de Pesca”. “Isto -subliou- é o que non quixo facer o goberno galego e fíxoo o BNG”.

En canto aos resultados concretos da reunión, Ana Miranda salientou que  “conseguimos que a flota artesanal quede excluída da compra e venda de cotas de pesca, algo que sería negativo para os seus intereses”. Tamén se logrou que a eurocomisaria de Pesca vaia ter en conta que este sector vai recibir fondos específicos nun 75% directamente aos mariñeiros e ás unidades de pesca. “

Outra das demandas que trasladou o sector e o BNG é que se reexamine a definición da pesca artesanal, favorecendo os intereses da Galiza, ou que as axudas da UE diferencien entre acuicultura industrial (piscifactorías) e a tradicional.

 Mauritania

Por outra parte, Lobeira advertiulle ao Goberno español “que non imos tolerar que lle asigne aos mariñeiros andaluces 6 meses de axudas e aos galegos 4 meses”, en relación ao problema de Mauritania. Denunciou que “cala Feijoo e o goberno español pero o BNG non cala e imos apoiar as mobilizacións convocadas pola CIG para a próxima semana no Morrazo”.

Comentarios