“A Patria é a Lingua”, o A Fondo de Sermos Galiza fai unha aposta polo galego

O domingo 27 co lema “A lingua que nos une” Queremos Galego convoca a súa manifestación nacional en Compostela. Con esta data como horizonte, o “A Fondo” de Sermos Galiza ofrece artigos e diversos materiais que afondan na situación da nosa lingua.
A Fondo
photo_camera A Fondo

Coordinado por Marga Romero, o caderno semanal do xornal Sermos Galiza ofrece neste número 31 un feixe de artigos de destacados especialistas que revisan desde distintas ópticas o momento que atravesa a lingua galega. A profesora de Dereito, Alba Nogueira, os técnicos de normalización Manuel Núñez Singala, Nel Vidal e Antón Dobao, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a escritora María Reimóndez, a ensinante Dolores Oubiña e Ana Castro como nai de nenos escolarizados nun centro plurilingüe deixan a súa visión nas páxinas do caderno de análise do xornal.

Canda os artigos, a escritora Marga Romero entrevista a Agustín Fernández Paz, un escritor que na súa traxectoria de décadas na literatura levou sempre a primeiro plano o seu compromiso irrenunciábel co galego. “Hai que crear as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade con que se vive en castelán” defende Fernández Paz na entrevista.

A xornalista Laura Ramos Cuba elabora unha reportaxe sobre o “Modelo Burela”, unha iniciativa distinta e con resultados de normalización lingüística e integración a través do galego. Alén diso, doce cativos e cativas fanos confiar no futuro da lingua ao confesarnos as razóns que os conducen a falaren en galego. “Eu falo galego porque foi como me ensinaron a falar meus avós e meus pais” di Xián García Nogueira. Práctica maniféstase Xiana Yi Li ao dicir “falo para que me entendan” mentres Yohanis Romero mostra con claridade as razóns polas que se vai mobilización o día 27: “Hai que defender a nosa lingua, non nos queda outra”.

Comentarios