A investigación policial do Ministerio de Interior ao BNG chega ao Congreso

O goberno español vai ter que dar resposta á criminalización  do BNG por parte do Delegado do Goberno e á posíbel existencia de informes policiais, segundo foi filtrado a El Mundo, da organización nacionalista. O propio BNG esixe respostas no Congreso. 

Olaia Fernández Davila
photo_camera Olaia Fernández Davila

O goberno terá que dar conta da información filtrada ao diario El Mundo segundo a que se constataba a existencia de informes de forzas policiais que advertían do “sesgo radical” que estaban a tomar forzas políticas como o BNG no que denominaban “batasunización” . O BNG, a través das súas deputadas no Congreso, rexistra unha serie de preguntas que o goberno terá que responder nas  que cuestionan a actuación do Ministerio de Interior de seren certas as informacións de espionaxe a organizacións políticas legais. 

“Resulta preocupante desde un punto de vista democrático que a policía se dedique a estas cuestións e tamén que determinados medios de comunicación dispoñan de informes policiais e publiquen os seus contidos”, di o texto da iniciativa de Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez. Denuncian a criminalización e a manipulación da imaxe do BNG por parte do Goberno e do partido que o sustenta, e, en especial, a actitude do Delegado do Goberno en Galicia que, ao seu ver, denota “unha auténtica manía persecutoria cara ao BNG, que deixa ás claras a intencionalidade política” polo que falan dunha “estratexia” que ten como fin a desacreditación da organización nacionalista, poñendo en cuestión a súa traxectoria democrática. 

Juárez sofre "unha auténtica manía persecutoria" cara ao BNG, afirman as deputadas nacionalistas

A democracia en cuestión

A iniciativa súmase á presentada hai unha semana na que se esixía ao Goberno de Mariano Rajoy o cesamento do delegado do Goberno na Galiza, Samuel Juárez polo “aumento da represión antidemocrática” que vén exercendo contra “persoas que exercen o seu dereito á libre expresión e reunión pública”. Samuel Juárez requerira do BNG unha condena “clara e inequívoca” de Resistencia Galega, presunta organización armada cuxa existencia foi dilucidada estes días durante o xuízo seguido na Audiencia Nacional contra unha moza e tres mozos independentistas acusados de pertencer a ela (aínda non foi ditada sentenza, que se agarda para os vindeiros días).. 

“O feito de que o BNG defenda cuestións relacionadas cos dereitos humanos, os dereitos das persoas presas ou critique os abusos de autoridade, non debe ser empregado polo Goberno para tratar de criminalizalo”, sinalan as dúas deputadas na súa iniciativa. Como “verdadeiramente alarmante” cualifican que a cidadanía descubra, a través do xornal, que o goberno gasta cartos públicos en elaborar “informes e persecucións de forzas políticas democráticas”. “O goberno debería aclarar se a partir de agora ter ideoloxías soberanistas vaise considerar un delito. Sería adecuado que informase deste tipo de cuestións”, sinalan. 

Comentarios